Investigadores do CIQUS publican claves para "matar de fame" bacterias que causan tuberculose e cancro de estómago.
Un artigo do grupo de investigación do CIQUS liderado pola Profesora Concepción González-Bello (www.gonzalezbello.com) foi seleccionado como portada do último número da revista ACS Chemical Biology. Este traballo (ACS Chem. Biol. 2013, 8, 568–577) describe as claves para "matar de fame" un encima crucial na proliferación de dúas bacterias patóxenas moi importantes: Mycobacterium tuberculosis, causante da tuberculose, e Helicobacter pylori, o axente causante da úlcera gástrica e duodenal (e promotor do cancro de estómago).
A prevalencia da tuberculose e de infeccións con Helicobacter pylori, xunto ao crecente problema da resistencia aos antibióticos, provocan un grande interese, académico e da industria farmacéutica, en desenvolver estratexias máis eficaces para combater as infeccións bacterianas.
Este grupo de investigación do CIQUS ideou unha forma de "enganar" a estas bacterias, consistente en evitar o normal funcionamento dun dos encimas que necesitan para sobrevivir. Para iso, deseñáronse compostos moi parecidos aos que a bacteria utiliza habitualmente, pero que evitan que esta funcione con normalidade. Este método impide a produción de nutrientes esenciais para a vida da bacteria, que finalmente "se morre de fame".
Unha gran vantaxe desta estratexia é que previsiblemente sería moi difícil para a bacteria poder xerar resistencia ao antibiótico. Ademais, como os animais non posúen esta encima, os investigadores esperan que estes compostos non teñan efectos prexudiciais no ser humano.
Para o deseño dos compostos, o grupo da Profesora González Bello utiliza diversos programas informáticos que lle permiten prever de antemán o efecto destes sobre o encima. Isto facilita escoller aqueles compostos que a priori serían os máis efectivos, para a continuación preparalos no laboratorio e finalmente ensaialos co encima.
O grupo de investigación logrou ademais obter datos reais do proceso grazas á resolución, mediante técnicas de raios X, das diversas estruturas interaccionando co encima, o que vén a ser unha fotografía de ambos os dous a nivel atómico. Isto permitiu demostrar a idea inicial e continuar así co proceso de optimización dos devanditos compostos.
De esquerda a dereita: Concepción González Bello, José M. Otero, Emilio Lence, Lorena Tizón y Antonio Peón.