Luis Echegoyen, presidente electo da organización química máis importante do mundo, participou onte no CiQUS nunha serie de encontros de traballo con investigadores do centro, tralos que impartiu unha conferencia sobre as súas principais liñas de traballo na actualidade.
O catedrático de Química na Universidade de Texas at El Paso (USA), Luís Echegoyen, tivo ocasión de coñecer onte as instalacións do CiQUS (Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e materiais moleculares da USC), nunha visita na que mantivo distintas reunións con varios líderes de grupo do centro.
Durante o seu relatorio, O Profesor Echegoyen, adiantou que como novo presidente da prestixiosa American Chemical Society (ACS), traballará por aumentar a relación da institución con outras sociedades químicas iberoamericanas, especialmente coa española (a Real Sociedad Española de Química – RSEQ). Unha confesión que os asistentes á charla calificaron como «lóxica, tendo en conta a súa procedencia: nado en Cuba, educado en Porto Rico».
Ó longo da súa alocución, o Profesor Echegoyen amosou como utilizar nanoestructuras de Carbono (fulerenos) para inducir algunhas ligazóns químicas que non existen na natureza; en particular, explicou como se poden inducir ligazóns entre átomos de uranio dentro desas nanoestructuras
Un cobizado relator
O Profesor Echegoyen é un orador cobizado, con máis de 450 relatorios, conferencias e presentacións. Impartiu varias conferencias en lugares como Northwestern University, Xeorxia Tech., UC-Riverside, e é membro de varios consellos asesores internacionais, como o Centro IMDEA-Nanociencia en Madrid e o Centro de Química Física de Superficies Sólidas (PCOSS) en Xiamen (Universidade en China). Foi editor en xefe da revista científica Journal of Physical Organic Chemistry, unha publicación de Wiley, desde 2010.
No que respecta á súa produción científica, Luis Echegoyen ten publicado 412 artigos de investigación e 47 capítulos de libros, e o seu índice h actual é de 80 (fonte: Google Scholar, 11-20-18). Foi elixido Membro da Asociación Americana para o Avance da Ciencia en 2003 e ten recibido moitos premios, entre eles o Premio ACS de Florida de 1996, o Premio Provost de Excelencia de Investigación da Universidade de Miami de 1997, o Premio Herty Medal 2007 (outorgado pola Sección ACS de Xeorxia), o Premio Presidencial á Excelencia en Investigación da Universidade de Clemson de 2007 e o Premio a Alumnos Distinguidos da Universidade de Porto Rico de 2007.
Desde xaneiro de 2020 presidirá a American Chemical Society, unha das sociedades científicas máis importantes a nivel global.