O secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez, e a directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, visitaron hoxe o Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Molecurales (CIQUS), da Universidade de Santiago de Compostela, para coñecer os seus proxectos e investigadores de excelencia. Ao acto tamén acudiu Irene Bonome, subdirectora de Promoción Científica e Tecnolóxica Universitaria, e Mercedes Vázquez, xefa del servizo de Planificación e Estruturación da Investigación da Xunta, que estiveron acompañados pola vicerreitora de Política Científica da USC, os directores do CiQUS e a responsable de Xestión Estratéxica do centro.
Esta visita realízase tras renovar a acreditación de excelencia na Rede de Centros de Investigación Universitaria de Galicia, onde o CiQUS acadou a máxima puntuación neste proceso que avaliou a súa traxectoria e rendemento. Deste xeito, a Xunta de Galicia apoiará o desenvolvemento da súa actividade con máis de 3M€ ata o ano 2027, favorecendo a estabilidade económica dos seus proxectos. "A axuda é esencial para poder manter a nosa actividade e poder abordar as accións craves do plan estratéxico" explica o Director Científico do centro, José Luis Mascareñas. "En todo momento percibimos unha receptividade e unha actitude moi positiva por parte da Xunta cara ao CiQUS, e o modelo de centro singular que representa. Desde o centro esperamos que a aposta continúe e mesmo siga crecendo".
O CIQUS, centrado na saúde, biomedicina e sustentabilidade, captou no período 2019-2022 máis de 31M€, o que supón un incremento do 78% con respecto ao período anterior, alcanzando un récord de captación no ano 2023 con máis de 11M€. Conta con máis de 200 investigadores traballando en 18 grupos de investigación, do que o 50% son estudantes de doutoramento.
Os representantes da Consellería de Ciencia e Universidades puideron coñecer de primeira man o traballo que se realiza nas súas instalacións, onde se desenvolven 12 proxectos ERC (Consejo Europeo de Investigación) liderados por oito investigadores de excelencia. Ademais, destacan 14 proxectos de valorización, innovación e proba de concepto, así como a concesión de 14 patentes e a publicación de máis de 100 artigos científicos ao ano. O CIQUS tamén é sobresaínte á hora de captar talento e programas internacionais: desde o 2019, realizáronse 15 contratos posdoutorais Marie Curie e tres redes Marie Curie de doutoramento.
Foto: Xunta de Galicia
Foto: Xunta de Galicia