O I Simposio “Chemistry At The Frontier” inunda de ciencia Santiago de Compostela

12/04/2022

Santiago de Compostela encheuse de ciencia os días 30 e 31 de marzo, e o 1 de abril co I Simposio “Chemistry at the Frontier” organizado polo CiQUS da USC. O acto celebrouse no Edificio Fontán da Cidade da Cultura e participaron máis de 250 científicos de diversas nacionalidades. O encontro científico organizouse para conmemorar o décimo aniversario do Centro, primeiro Centro Singular da USC.

X aniversario do CiQUS

O Centro Singular de Investigación de Química Biolóxica e Materiais Moleculares da USC celebrou o seu décimo aniversario, situándose como un referente da ciencia de vangarda a nivel nacional e internacional. Para conmemorar este 10o Aniversario, celebrouse o I Simposio “Chemistry at the Frontier”, que tivo como convidados a recoñecidos líderes mundiais en diversos campos da química, entre eles o Premio Nobel de Química 2021, David MacMillan.

"En dez anos (o CiQUS) posicionouse como un centro de excelencia cun gran recoñecemento internacional como o demostra a súa competitividade nas convocatorias de proxectos europeos, entre os que se inclúen proxectos de prestixio financiados polo Consello Europeo de Investigación (ERC)", asegura Luis Oro, membro da comité científico asesor externo del CiQUS.

Ao que Antonio Echavarren, presidente da Real Sociedade Española de Química, engade: "O que é meritorio é que este nivel de excelencia se conseguise en tan só uns poucos anos, grazas ao liderado científico dos seus directivos e a unha política de incorporación de talento novo que deberían imitar outras institucións españolas. Tendo en conta o nivel dos seus grupos de investigación, é evidente que o CiQUS aínda está lonxe de alcanzar o seu pico, polo que cabe esperar que o seu impacto científico siga medrando nos próximos anos”.

Centro de atracción de talentos

Santiago de Compostela converteuse nun foco científico internacional grazas a este evento organizado polo CiQUS. O programa científico do encontro incluíu 15 conferencias científicas de primeiro nivel, entre as que se atopaba o Premio Nobel de Química 2021 David MacMillan.

Os relatores invitados son líderes nas tres áreas estratéxicas de investigación do CiQUS e representan o compromiso do Centro co talento novo e o equilibrio de xénero. Entre eles, tamén se atopaban personalidades científicas como os profesores Helma Wennemers da Universidade de Zurich ou Harry Anderson da Universidade de Oxford, así como diferentes investigadores novos, entre eles os principais investigadores do CiQUS Diego Peña, Martín Fañanás e Beatriz Pelaz.

“Un evento coma este demostra, a todos os niveis incluído o internacional, que é posible estar na fronteira do coñecemento químico nun Centro Singular de Santiago de Compostela. A presenza de prestixiosos conferenciantes, entre eles o Premio Nobel de Química 2021, David MacMillan, é unha proba diso", afirma Luis Oro.

No acto de inauguración, xunto con José Luis Mascareñas, director científico do CiQUS, estiveron Antonio Echavarren, presidente da RSEQ; Vicente Pérez Muñuzuri, vicerreitor da USC; Román Rodríguez, conselleiro de Cultura, Educación e Universidade; e Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia. Na súa intervención, Núñez Feijóo felicitou ao CiQUS polos seus dez anos de vida ao servizo do coñecemento, pola súa excelente traxectoria e polo seu liderado en número de investigadores no Consello Europeo de Investigación. Pola súa banda, Pérez Muñuzuri afirmou que “apostar pola investigación é un cabalo gañador” xa que “está demostrado que se pode facer ciencia de calidade dende o recuncho de Europa”.

Así mesmo, o encontro científico tamén incluíu unha visita guiada ás instalacións do CiQUS e un programa social de celebración.