O investigador Eduardo Bordallo defende con éxito a súa tese doutoral

02/12/2014

Eduardo Bordallo, ata este luns bolseiro do Programa Banco Santander-USC para estanzas predoutorais destinadas a docentes e investigadores de centros de América Latina, defendeu onte con éxito a súa tese doutoral no CiQUS. No seu traballo, «Carboximetilcelulosa anfifílica: síntese, caracterización e estudo en disolución» Bordallo abordou o desenvolvemento dun sistema de transporte de medicamentos baseado en copolímeros anfifílicos, coa particularidade de ter utilizado na súa proposta polímeros naturais moi accesibles, como a celulosa ou os seus derivados.

O obxectivo principal desta investigación foi tratar de obter un sistema de encapsulado e transporte de fármacos que converta aos medicamentos en ferramentas máis seguras, eficientes e eficaces, en particular os utilizados no tratamento de enfermidades dexenerativas. Deste modo reduciríase en boa medida o impacto económico dos tratamentos e a estanza nos centros de asistencia médica, así como os efectos colaterais de moitos fármacos.

A aproximación científica levouse a cabo a partir duns sinxelos procesos de síntese e purificación. En primeiro lugar a celulosa natural actívase por oxidación, e posteriormente introdúcense segmentos hidrofóbicos (é dicir, que repelen a auga) para favorecer o proceso de autoensamblado; finalmente enxértanse cadeas hidrofílicas de polietilenglicol (que atraen a auga) para incrementar a estabilidade do nanoagregado, a partícula esférica cun tamaño media de 185 nanómetros na cal se encapsula o medicamento.