O profesor Mascareñas, adscrito ao CIQUS, seleccionado para recibir unha Advanced Grant

31/07/2013

A súa investigación terá como obxectivo o desenvolvemento de métodos de síntese química con catalizadores metálicos para levar a cabo reaccións directamente en medios fisiolóxicos e no interior de células vivas.

O proxecto METBIOCAT presentado por José Luis Mascareñas Cid, catedrático de Química Orgánica da USC e que actualmente lidera no CIQUS un grupo de investigación altamente competitivo, foi seleccionado para recibir unha das máis prestixiosas bolsas europeas de investigación, a ERC Advanced Grant do programa IDEAS, cun importe aproximado de 2,35 millóns de euros para cinco anos.

Estas axudas están destinadas a investigadores consolidados para que, tal e como explica o propio Consello Europeo de Investigación (ERC), permita "aos directores de investigación recoñecidos como excepcionais de calquera nacionalidade e idade realizar proxectos pioneiros de alto risco que abran novos camiños nos seus respectivos campos de investigación ou noutros dominios".

O proxecto liderado polo profesor Mascareñas traballará na aplicación dos métodos de síntese química con catalizadores metálicos, utilizados normalmente no laboratorio e na industria, para levar a cabo reaccións directamente no interior das células vivas. O éxito no seu desenvolvemento, entre outros beneficios, abriría unha importante vía na especificidade de formulacións químicas de interese farmacolóxico. Varios profesores e investigadores do CIQUS estarán parcialmente involucrados no seu desenvolvemento, entre eles Fernando López, Eugenio Vázquez, José Martínez Costas e Moisés Gulías.

Este recoñecemento á excelencia de investigacións realizadas no CIQUS únese ao obtido no ano 2010 coa Starting Grant de Francisco Rivadulla. Nos últimos anos, os investigadores novos da USC acadaron outras tres Starting Grants nos eidos da medicina e a física: Miguel López e Rubén Nogueiras (ambos no CIMUS) e Carlos Salgado (Física).

O programa IDEAS é unha iniciativa dentro do VII Programa Marco de I+D da Comisión Europea, a través do Consello Europeo de Investigación, que financia a investigación de excelencia máis competitiva en campos moi novidosos e emerxentes. Para iso, IDEAS selecciona e apoia os mellores científicos sénior (Advanced Grant) ou mozos (Consolidator Grant e Starting Grant) para o desenvolvemento de proxectos de investigación arriscados e cun elevado potencial de impacto dos seus resultados.

É un programa moi competitivo no cal participan os máis prestixiosos científicos europeos: aproximadamente, só son seleccionadas un 13% das máis de 2.000 propostas anuais que recibe a Comisión Europea. Este ano, na área á cal pertence a proposta do profesor Mascareñas, concedéronse 144 proxectos, dos cales só 8 eran españois.