A doutora egresada do CiQUS recibe o Premio de Biotecnoloxía e Nanotecnoloxía 2018 da cidade de Marburg (MarBiNa- Award 2018).
A profesora Olalla Vázquez, que defendeu a súa tese no CiQUS no ano 2010 baixo a dirección dos profesores José Luis Mascareñas e Eugenio Vázquez Sentides, vén de ser premiada polo desenvolvemento de TramTO , unha molécula que permite estudar en tempo real infeccións de bacterias multirresistentes, onde as técnicas de marcaxe con GFP (Green Fluorescence Protein) non son válidas. O galardón, compartido co investigador Leon Schulte, recoñece así o valor deste novo composto, que se presenta como alternativa química para entender mecanismos de acción empregados por este tipo de bacterias. Como proba de concepto, esta técnica permitiu comparar dúas cepas diferentes do patóxeno multiresistente Klebsiella pneumoniae por primeira vez; asemade, o concepto tamén foi demostrado en E.coli . O traballo foi publicado pola revista Angewandte Chemie e dispón xa dunha patente (EP18174086.1).
O premio distingue un traballo pioneiro no desenvolvemento de técnicas de análise compatibles con bacterias resistentes a múltiples fármacos que representan ameazas latentes, particularmente nos hospitais. O equipo de investigación do Departamento de Química dirixido por Olalla Vázquez, en colaboración co Prof. Leon Schulte do Departamento de Medicina, logrou marcar estes patóxenos cunha nova tinguidura fluorescente para poder investigar con máis detalle a súa interacción con células inmunitarias. Este método non só é de interese científico, senón que tamén ten xerado xa grandes expectativas para a súa explotación comercial.
Referencias