‘Chemical Science’ destaca na súa sección "Selección da semana" un traballo do CiQUS desenvolvido en colaboración co CINBIO, no que os investigadores presentan novas nanoesferas ocas que poderían actuar como minúsculos microrreactores en contornas biolóxicas.
A revista científica 'Chemical Science' destaca hoxe un artigo do CiQUS na súa sección Pick of the Week, un espazo no que os responsables da publicación, editada pola prestixiosa Real Sociedade de Química británica (Royal Society of Chemistry - RSC) «escolle e promociona cada semana os traballos máis relevantes para compartilos coa comunidade global de investigación en química».
A investigación, desenvolvida polo equipo do Profesor José Luis Mascareñas en colaboración co grupo de Miguel A. Correa-Duarte no CINBIO (Centro de Investigacións Biomédicas da Universidade de Vigo), permitiu crear novas esferas porosas mil veces máis diminutas cá o grosor dun cabelo, axeitadas para permitir o paso de reactivos e substancias entre o interior e o exterior e, ao mesmo tempo, protexer ao catalizador da súa contorna.
«A vida depende da acción das enzimas, os catalizadores naturais que inducen as transformacións metabólicas clave», afirma o Prof. José Luis Mascareñas. «Os científicos traballamos moito para desenvolver catalizadores que, dalgún xeito, poidan ‘emular’ a actividade das enzimas en termos de eficiencia e selectividade».
Os catalizadores baseados en nanopartículas metálicas poden comportarse de maneira moi semellante a como o fan as enzimas; por outra banda, estas nanopartículas poden ser recuperadas mesmo despois de participar nunha reacción (o que significa que poden ser reutilizadas). Desafortunadamente, a meirande parte delas non funcionan correctamente no corpo humano, xa que os fluídos acuosos que aloxa o noso organismo no seu interior reaccionan ante a presenza das nanopartículas e destrúenas.
Como solución, o equipo do Prof. Mascareñas e os seus colaboradores veñen de deseñar diminutas esferas porosas para protexer aos catalizadores. Trátase de esferas biocompatibles, ou o que é o mesmo: estruturas cuxas capas externas foron deseñadas de tal forma que impiden unha interacción negativa co organismo. Por outra banda, as novas nanoesferas están cheas de minúsculos poros, o que facilita que pequenas moléculas entren no seu interior, reaccionen ante a presenza do catalizador e volvan saír transformadas en novas moléculas a través dos nanoporos, como produto da reacción desencadeada no interior. Adicionalmente, o tamaño destes poros impide tamén que outras moléculas máis grandes –como as enzimas naturais presentes no organismo- poidan entrar nas esferas, así como que os catalizadores metálicos asociados ás esferas poidan saír.
Estes microrreactores contan con prometedoras aplicacións no eido da medicina; inxectados por exemplo nun lugar específico do organismo, poderían transportar unha reacción química dirixida unicamente á área afectada, reducindo así o risco de efectos secundarios prexudiciais nos tratamentos terapéuticos.
Referencias:
Chemical Science: Fernando López, Miguel A. Correa-Duarte, José L. Mascareñas et ao., Chem. Sci., 2019, Accepted Manuscript. DOI: 10.1039/C8SC04390F. You can access our 2019 ChemSci Picks in this article collection.