As teses do CiQUS: María Campos Torrado

25/01/2019

Dirixida polo Profesor e investigador principal do CiQUS Juan Carlos Estévez, a doutoranda do centro obtivo hoxe o grao de doutora tras defender o seu traballo na Facultade de Química da USC.


A investigadora do CiQUS María Campos Torrado defendeu hoxe a súa tese doutoral na aula Magna da Facultade de Química da USC. O seu traballo, titulado ‘Síntese, estudo estrutural e aplicacións de compostos ciclohexánicos e azaciclohexánicos’, foi dirixido polo profesor e investigador do CiQUS Juan Carlos Estévez. Algúns dos resultados descritos nesta tese foron publicados en revistas de referencia como Chemistry European Journal, Journal of Organic Chemistry ou Molecules.

A tese describe novas aplicacións do ácido (-)-shikímico. Concretamente, a síntese e o estudo estrutural de varios péptidos e peptidomimétidos con estrutura secundaria en forma de xiro beta. Por outra banda, e en colaboración coa Universitat Autónoma de Barcelona, téñense abordado tamén a síntese e o estudo estrutural dun conxunto de bisamidas  con importantes propiedades gelificantes. Os compostos descritos na tese, con estrutura de xiro beta ou con propiedades gelificantes, presentan potenciais aplicacións biolóxicas e na ciencia de materiais.