AS TESES DO CIQUS - Helio Faustino Ferreira

10/07/2014
 
Hoxe 10 de Xullo, Helio Faustino Ferreira, estudante de doctorado no CIQUS, obtivo a máxima cualificación na defensa da súa tese doctoral con Mención Europea titulada "Gold(I) catalyzed intermolecular cycloadditions of allenes". O seu traballo foi dirixido polo Profesor José L. Mascareñas e o Dr. Fernando López.

A catálisis metálica ofrece enormes posibilidades para desenvolver e inventar novas transformacións químicas que permitan a transformación de sustancias simples e moi accesibles noutros produtos máis complexos, principalmente produtos cíclicos, que son moi relevantes desde o punto de vista biolóxico. Coñécense moitos produtos de tipo policarbocíclico que presentan actividades biolóxicas moi interesantes pero que son moi difíciles de preparar usando as metodoloxías sintéticas clásicas.

O obxectivo básico deste traballo era aproveitar as propiedades de coordinación e activación dos metais para inventar reaccións de cicloadición catalíticas que permitan construír os esqueletos cíclicos centrais destes compostos de forma rápida e práctica.

Específicamente, partindo de sustancias de partida moi sinxelas, buscouse o desenvolvemento de novos procesos promovidos por catalizadores de ouro para obter de xeito rápido e eficiente importantes estruturas cíclicas que constitúen o núcleo estructural clave dun gran número de moléculas con propiedades biolóxicas relevantes.

Entre as súas investigacións, que xa foron publicadas en revistas tan prestixiosas como J. Am. Chem. Soc., Angew. Chem. Int. Ed. ou Chem. Sci., destacan varios métodos sintéticos para acceder a ciclobutanos e a ciclohexenos densamente funcionalizados, así como a unha gran variedade de sistemas oxabicíclicos que conteñen carbociclos de sete, oito e ata nove eslabones.

 

Máis información: http://www.usc.es/ciqus/en/groups/metal-bio-catalysis