As teses do CiQUS: Jorge Alberto Pedro

21/05/2018

O investigador Jorge Alberto Pedro convértese en doutor logo de defender con éxito a súa tese doutoral na Facultade de Química da USC.


Jorge Alberto Pedro, investigador do CiQUS, defendeu o pasado venres a súa tese doutoral na Facultade de Química da USC. O traballo centrouse no estudo dinámico de reaccións de intercambio protónico, contando coa dirección dos profesores e investigadores do CiQUS Flor Rodríguez Prieto e Manuel Mosquera González.

As reaccións de intercambio protónico participan na meirande parte de procesos bioquímicos nos seres vivos, e desempeñan un papel fundamental nos procesos de transformación enerxética, desde os sistemas celulares ás modernas pilas de combustible. Con todo, a dinámica das reaccións de intercambio protónico co disolvente é complexa, e o mecanismo está aínda suxeito a discusión.

Nesta tese investigouse a transferencia protónica ao disolvente de especies fotoácidas catiónicas mediante espectroscopía de fluorescencia, con resolución temporal de picosegundos. Nas súas conclusións, destácase que a transferencia protónica produce en alta concentración un intermedio, onde o protón captado polo disolvente aínda se atopa unido por ligazón de hidróxeno á base conxugada. O mecanismo proposto facilita a comprensión dos factores que determinan a velocidade dos procesos de transferencia protónica en medios complexos, químicos ou biolóxicos.