As teses do CiQUS: Noel Sayar

06/02/2015

O doutorando do CiQUS Noel Sayar Insua defendeu hoxe a súa tese doutoral, titulada Estudos da reacción de metátese de ciclación de Dieninos Aplicada á Síntese de Taxanos. O traballo, centrado nun dos fármacos máis relevantes contra o cancro (o Taxol), foi supervisado polo Profesor Juan R. Granxa Guillán dende o CiQUS, así como dende o Departamento de Química Orgánica da USC.

O Taxol é un composto moi útil no tratamento de cancro de ovario, peito, pulmón, vexiga, próstata, melanoma, esófago e outros tipos de tumores sólidos. Trátase dun produto natural extraido do teixo, sun dos primeiros fármacos para o cancro que teñen como diana a tubulina. Por desgracia, estes fármacos teñen numerosos efectos secundarios, derivados da baixa selectividade, a solubilidade e a aparición de fenómenos de resistencia aos fármacos. Ademais, contan co problema engadido de que son compostos cunha estrutura moi complexa, o que fai especialmente difícil a síntese de compostos análogos con propiedades melloradas, de cara a evitar os seus efectos adversos.

A tese defendida hoxe serviu para describir un novo método, moi sinxelo, que facilita a preparación dos devanditos análogos. A estratexia consistiu no desenvolvemento de varias reaccións que teñen lugar secuencialmente, o que se coñece como proceso en fervenza, e permite preparar nunha única etapa de síntese o seu complexo esqueleto carbocíclico cunha gran selectividade.