-
O Consello Europeo de Innovación outorga 2,5 millóns de euros ao proxecto que o profesor Javier Montenegro lidera no CiQUS da USC e no que tamén se explorarán posibles alternativas terapéuticas con diferentes ácidos nucleicos.
O Consello Europeo de Innovación (EIC, polas súas siglas en inglés) acaba de anunciar a concesión dos proxectos EIC Transition, no reto de novas terapias baseadas en ARN, e que busca avanzar na transferencia de tecnoloxías innovadoras para a súa futura comercialización. Das 181 propostas presentadas, tan só 34 resultaron financiadas, entre as que se atopa TraffikGene, que agora contará cun financiamento de 2,5 millóns de euros durante un período de tres anos.
O proxecto liderado polo profesor Javier Montenegro céntrase no desenvolvemento dunha tecnoloxía baseada en péptidos para crear vehículos que facilitan a entrega eficiente de ácidos nucleicos e ribonucleoproteínas con potencial aplicación terapéutica. "Os nosos vehículos están deseñados para levar estes ácidos nucleicos ao seu sitio de acción de maneira eficiente, non tóxica e selectiva, e así superar un dos principais retos no desenvolvemento de novos fármacos” explica este investigador principal no Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da USC (CIQUS).
Trátase dunha tecnoloxía versátil que pode adaptarse a todo tipo de ácidos nucleicos, como o ARN mensaxeiro (ARNm), o ARN interferente (ARNi) ou mesmo para levar a cabo tarefas de edición xenética con ribonucleoproteínas a través do sistema CRISPR/Cas. Os vehículos para fármacos de ARN desenvolvidos por TraffikGene teñen carácter biodegradable e presentan, por tanto, moi baixa toxicidade. A simplicidade sintética, a sinxeleza na formulación co ARN e unha elevada eficiencia de entrega do ARN fan que esta tecnoloxía sexa moi atractiva para a súa aplicación terapéutica.
"A nova axuda do EIC permitirá ao equipo do proxecto centrarse no desenvolvemento de terapias de ARN mensaxeiro (ARNm) para aplicacións en inmunoterapia contra o cancro, así como explorar posibles alternativas terapéuticas con diferentes ácidos nucleicos. Ademais, buscarán a colaboración con academia e industria para acelerar a validación e transferencia de tecnoloxía. “Queremos desenvolver unha liña propia de produtos terapéuticos de ARN e tamén empregar a nosa tecnoloxía para apoiar a grupos académicos ou socios industriais con posibles ARNs terapéuticos que necesiten un vehículo eficiente e selectivo" explica Mark Mayhew, asesor estratéxico en Traffikgene. "Esperamos que nun prazo de tres anos a tecnoloxía estea lista para dar o salto a fases clínicas e poder chegar así a pacientes” apunta a doutora Marisa Juanes, encargada do desenvolvemento sintético dos vehículos transportadores de RNA e avaliación biolóxica. O equipo do proxecto complétano Irene Lostalé, responsable do deseño metodolóxico e protocolos biolóxicos, e Alberto Fuertes na transferencia da tecnoloxía. Traffikgene, que obtivo o galardón á Mellor Idea Empresarial outorgado pola Agrupación industrial Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida de Galicia (BIOGA), contou ademais co recoñecemento da axuda Proba de Concepto (AEI), do Consello Europeo de Investigación (ERC-Proof of Concept) e da Axencia Galega de Innovación (GAIN) a través do proxecto Ignicia.
El equipo del proyecto TraffikGene. De izq. a dcha: Prof. Javier Montenegro, Dra. Marisa Juanes, Dr. Alberto Fuertes, Dr. Mark Mayhew.