Un novo artigo de investigadores do CIQUS dirixidos polo Dr. Fernando López e Prof. José L. Mascareñas foi seleccionado como un "Hot paper" de Angewandte Chemie International Edition. Esta revista é, xunto con Nature Chemistry, a de maior factor de impacto en Química, e os seus editores seleccionan os "Hot papers" pola súa importancia nun campo en rápida evolución e de grande interese actual.
A construción eficiente dos carbociclos de tamaño mediano (de sete a nove aneis) mantense como unha importante meta da química sintética, xa que estes marcos moleculares constitúen o núcleo estrutural de moitos compostos bioloxicamente activos e axentes farmacéuticos, e existen moi poucos métodos prácticos para a súa montaxe.
Neste artigo, os autores describen un método simple, eficiente e de gran versatilidade para a construción de aneis do devandito tamaño e que se basea na utilización dunha cicloadición en cascada catalizada por ouro. Ademais, os autores presentan varios exemplos pioneiros dunha variante enantioselectiva que permiten a produción maioritaria de só un dos dous posibles isómeros ópticos (enantiómeros) dos produtos.
De modo xeral, esta tecnoloxía abre novas oportunidades para a rápida construción, práctica e mesmo asimétrica de esqueletos moleculares bioloxicamente relevantes con ciclos de tamaño medio.
http://onlinelibrary.wiley.com/journal/10.1002/%28ISSN%291521-3773/homepage/2002_hotpaper.html
Gold(I)-Catalyzed Cascade Cycloadditions between Allenamides and Carbonyl-Tethered Alkenes: An Enantioselective Approach to Oxa-Bridged Medium-Sized Carbocycles