Os centros singulares de química, física, medicina molecular e tecnoloxías intelixentes abriron as súas portas o pasado sábado para amosar o máis destacado da súa actividade investigadora. O CiQUS (Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares), o CiMUS (Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas), o CiTIUS (Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes, e o IGFAE (Instituto Galego de Física de Altas Enerxías) ofreceron a posibilidade de coñecer in situ os seus espazos, conversar con parte do seu persoal investigador, entrar nos laboratorios e xogar a ser científic@ nesta xornada aberta á sociedade na que os máis de 600 participantes tiveron ocasión de tocar as entrañas da ciencia. O obxectivo, espertar vocacións científicas entre os máis novos e que a sociedade se sinta máis próxima á actividade científica, a respecte, a valore e contribúa ao seu desenvolvemento integral.
Un encontro con presente e futuro
"É importante para a sociedade saber que en Santiago existen centros de investigación moi competitivos que abordan retos científicos de primeiro nivel e xeran coñecemento de fronteira, que participan en proxectos líderes internacionais e contan co recoñecemento e financiamento dos programas máis competitivos” apuntan os directores do CiQUS José Luis Mascareñas e Dolores Pérez. Ademais da súa aposta xeral pola divulgación científica, consideran que o desenvolvemento destas xornadas “é unha cuestión de responsabilidade: somos centros universitarios e a nosa actividade está apoiada principalmente con fondos públicos (rexionais, nacionais e internacionais), polo que, ademais de servir á sociedade a través da nosa actividade investigadora e formativa, temos a obriga de facela partícipe do noso traballo: que coñeza o que facemos, que retos científicos abordamos, algúns dos nosos logros, etc”.
Máis de 200 persoas acudiron este sábado ao CiQUS para vivir a experiencia de Ciencia Singular. Unha xornada na que o noso centro levou a cabo de maneira ininterrompida un programa de actividades para os máis pequenos que lles permitiu comprender de maneira divertida como se producen moitas das transformacións habituais que suceden no día a día. Mentres tanto, os maiores gozaron dunha serie de encontros cos nosos investigadores nos seus laboratorios e un percorrido guiado para coñecer o emprego de diversas técnicas habituais e comprender o funcionamento dalgúns dos equipos máis representativos do centro.