-
O CiQUS participa na Noite europea das persoas investigadoras o vindeiro 30 de setembro, un evento cun diverso programa integrado por relatorios e obradoiros de divulgación científica e que se desenvolve de xeito simultáneo en toda Europa.
Noite europea das persoas investigadoras ‘Gnight’
A Noite europea das persoas investigadoras ‘Gnight’ desenvolverase o venres 30 nas cidades galegas baixo o lema ‘Conciencias creativas’ coa vontade de levar a ciencia ás rúas. No caso da USC, decenas de obradoiros de divulgación científca e relatorios diversos ateigarán o claustro do Colexio de Fonseca en Compostela, así como o Vello Cárcere de Lugo.
Este ano, o Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) estará presente cunha aposta "culinaria". No obradoiro ‘Gastronomía molecular’ do CiQUS aplicarase a ciencia á cociña tradicional, investigando as transformacións químicas e físicas que acontecen nos ingredientes durante a preparación dos alimentos. Neste taller trocarase o seu aspecto físico sen modificar o sabor. O CiQUS xunto ao Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS), o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS), o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), o Centro Interdisciplinario de Investigación en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS), e o Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS), ocuparán o rol central da Gnight compostelá. O conxunto de actividades terán lugar a partir das 18.00 horas no Claustro de Fonseca, agás os relatorios impulsados polo Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga), do que a USC é integrante, que se celebrarán no Salón de Graos do Colexio San Xerome.
“A Gnight é unha iniciativa europea que se desenvolve de xeito simultáneo en toda Europa”, explica o coordinador da iniciativa en Compostela e profesor da USC, José A. Costoya. “Queremos conectar a cultura científica co resto da sociedade, ser unha especie de ponte”, engade para logo subliñar que esta é unha iniciativa na que está involucrada o conxunto da comunidade científica galega.