Vivir a ciencia en directo, unha realidade grazas ao evento Ciencia Singular

12/11/2021
  • ​​​​​​O vindeiro 20 de novembro, sábado, o CiQUS, o CiTIUS, o CiMUS e o IGFAE abren as súas portas para amosar os espazos, proxectos e experimentos máis singulares e punteiros, así como conversar con parte do seu persoal investigador
  • Unha oportunidade para promover vocacións científicas entre os máis novos e aproximar ó conxunto da sociedade o día a día da actividade investigadora
  • A quinta edición desta xornada, en formato mixto (presencial-online), vén precedida por unha excelente resposta de participación e colaboracións con centros educativos e outras entidades de influencia

 

 

 


Ciencia Singular é unha iniciativa de divulgación científica realizada de maneira conxunta entre catro centros pertencentes á Rede de Centros Singulares de Investigación da USC que contan con acreditación da Consellería de Cultura, Educación e Universidade como centros de investigación do Sistema Universitario de Galicia. O CiQUS (Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares), o CiTIUS (Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes, o CiMUS (Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas) e o IGFAE (Instituto Galego de Física de Altas Enerxías) abren as súas portas o vindeiro día 20 para amosar o máis destacado da súa actividade investigadora. Durante a xornada os centros ofrecerán a posibilidade de coñecer in situ os seus espazos, conversar con parte do seu persoal investigador, entrar nos laboratorios e xogar a ser científico e científica por un día nesta xornada aberta á sociedade na que os participantes terán ocasión de tocar as entrañas da ciencia. O obxectivo, espertar vocacións científicas entre os máis novos e que a sociedade se sinta máis próxima á actividade científica, a respecte, a valore e contribúa ao seu desenvolvemento.

Pola súa banda, o CiQUS abrirá as portas dos seus laboratorios para manter encontros de proximidade cos asistentes. Os investigadores Diego Peña, María Tomás, Moisés Gulías, Rebeca García, Francisco Rivadulla, Ester Polo, Eddy Sotelo e Manuel Ortuño permitirannos coñecer de preto o traballo que desenvolven habitualmente no centro e os últimos avances nos seus respectivos campos, durante a actividade Conversas cos nosos investigadores.

Xogando coa química é a acción do CiQUS dirixida ós máis pequenos da casa mediante obradoiros nos que poderán descubrir a química dos polímeros ou a importancia que teñen os cambios de cor na Química. Tamén poderán observar diversos fenómenos luminiscentes e entender como suceden; ademais de realizar coas súas propias mans algúns dos experimentos máis divertidos. Por outro lado, na aventura Infiltrados no Laboratorio, os asistentes coñecerán de primeira man o emprego de técnicas habituais e o funcionamento dalgúns dos equipos máis representativos do centro.

Se desexas inscribirte na xornada de portas abertas, por favor visita a seguinte ligazón.