Santiago acolle a 'XV Edición do Día da Química'

13/11/2017

Organizada polo Foro Química e Sociedade xunto ás tres universidades galegas, a xornada terá lugar o vindeiro mércores 15 de novembro en colaboración co CiQUS, a Facultade de Química, e a Sección Autonómica en Galicia da Real Sociedade Española de Química (RSEQ).


A aula Magna da Facultade de Química da Universidade de Santiago de Compostela (USC) acollerá o vindeiro mércores 15 de novembro a XV Edición do Día da Química, organizada polo Foro Química e Sociedade e as universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo en colaboración coa Facultade de Química da USC, o CiQUS (Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares) e a sección autonómica en Galicia da Real Sociedade Española de Química (RSEQ).

Creado polos distintos organismos e asociacións do sector químico en España, o Día da Química é un encontro para dar a coñecer esta ciencia e visibilizar a súa contribución á solución de problemas globais da sociedade. Nesta edición contará coa presenza do Profesor Luís M. Liz-Marzán, Director Científico do CIC biomaGUNE, que impartirá o relatorio Algunhas contribucións da química á nanotecnoloxía.

 

Recoñecemento profesional, científico e académico

O Día da Química é tamén o marco de entrega de distintos premios de recoñecemento profesional, científico e académico. Na súa décimo quinta edición, terán lugar a concesión das seguintes honras:

  •     Acto de Entrega dos IX Premios SusChem Investigadores Novos Químicos, na súa categoría 'FUTURA'.
  •     Acto de Entrega dos IX Premios SusChem Investigadores Novos Químicos, na súa categoría 'INNOVA'.
  •     Acto de Entrega do Premio á EXCELENCIA QUÍMICA 2017 do Consello Xeral de Colexios Oficiais de Químicos de España.
  •     Acto de Entrega do Premio ANQUE 2017 ao recoñecemento corporativo e profesional.

A orixe do 'Día da Química'

O Día da Química é unha celebración creada polos distintos organismos e asociacións sectoriais e profesionais do sector químico co obxectivo de impulsar a divulgación da ciencia química e sensibilizar á sociedade sobre a súa contribución á mellora da calidade de vida. Celébrase cada o 15 de novembro coincidindo coa festividade de San Alberto Magno, patrón dos químicos, e previamente tivo lugar en Salamanca (2003), Alcalá de Henares (2004), Barcelona (2005), Valencia (2006), Tarragona (2007), Oviedo (2008), Burgos (2009), Murcia (2010), Barcelona (2011), Madrid (2012), Selecta (2013), Santander (2014), Madrid (2015) e Huelva (2016). Na súa 15ª edición chega por primeira vez a Galicia con este acto, que se celebrará en Santiago de Compostela.

Sobre o profesor Luis M. Liz-Marzán

Doutor en Química pola Universidade de Santiago de Compostela, é un dos pioneiros na síntese de nanopartículas metálicas, deseñando aplicacións relacionadas coa detección ultrasensible e o diagnóstico precoz de enfermidades. Conta con máis de 20 anos de experiencia investigadora nas universidades de Vigo, Utrech, Tohoku, Michigan, Melbourne, Hamburg e no Max Planck Institute of Colloids and Interfaces. Entre outras distincións, o Profesor Liz-Marzán conta coa Medalla da Real Sociedade Española de Química do ano 2014, e en 2015 recibiu o Premio Rey Jaume I á Investigación Básica pola súa contribución á ciencia de materiais, relacionando química e bioloxía. Luís M. Liz-Marzán está na lista dos científicos máis citados do mundo.