Decenas de estudantes de oito países diferentes solicitaron as 15 bolsas ofertadas polo centro para desfrutar dunha estancia de inicio á investigación durante os meses de xuño e xullo na IV Edición deste programa formativo, que destaca pola alta participación feminina.
O CiQUS vén de resolver a convocatoria das súas IV Bolsas de Verán, consolidándose un ano máis como un centro científico internacional capaz de atraer estudantes procedentes de universidades estatais e estranxeiras, interesados en ter a súa primeira experiencia no mundo da investigación.
Entre os países de procedencia dos preto de cen solicitantes, xunto a España atópanse tamén Italia, Arxentina, Brasil, Exipto ou Rumania, ademais de Colombia e Cuba, países orixinarios de 2 dos 15 candidatos seleccionados. O resto de beneficiarios procede de universidades estatais: A Coruña, La Laguna, Francisco de Vitoria, Valladolid, Vigo, Oviedo, Santiago de Compostela e Málaga. Cómpre salientar o elevado número de solicitantes femininas, con máis da metade das bolsas concedidas (8 axudas sobre un total de 15, por riba do 53%).
As persoas seleccionadas incorporaranse de 4 a 5 semanas durante o mes de xuño e xullo nun dos grupos de investigación do CiQUS e participarán da actividade diaria do centro, como os relatorios impartidos por persoal investigador de recoñecido prestixio internacional, obradoiros formativos e seminarios internos.
Descargar a resolución oficial das Bolsas de Verán 2018 do CiQUS