A 5ª edición do Máster en Química na Fronteira coa Bioloxía e a Ciencia de Materiais (ChemBio&Mat) chegou ao seu fin co acto de clausura celebrado o pasado martes no CiQUS. Durante estes días, os estudantes tiveron a oportunidade de expoñer e compartir os resultados dos seus traballos finais, que abordaron algúns dos desafíos máis actuais no ámbito da química, a bioloxía e a ciencia de materiais.
"Cada ano sorpréndenos a calidade e a profundidade dos proxectos desenvolvidos polos nosos estudantes", destaca o Prof. Juan R. Granja, coordinador do programa. "Nesta edición vimos enfoques innovadores en áreas como a síntese de novos materiais funcionais, a química supramolecular aplicada a sistemas biolóxicos ou o desenvolvemento de estratexias catalíticas máis sostibles" explica Granja, quen tamén motivou aos estudantes para seguir o seu soño: ”Coa mocidade e o talento que atesouran, xunto co aprendido durante estes meses do centro dos seus titores e dos visitantes que participaron no máster, reúnen todas as cualidades para seguir crecendo e desenvolvéndose para facelos realidade”. Pola súa banda, a Prof. Dolores Pérez, directora adxunta do CiQUS, destacou a madurez científica demostrada polos alumnos nas defensas dos seus traballos de investigación, o que “demostra a calidade e capacidade formativa do máster, moi superior á doutros programas de menor duración e menos enfocados á investigación”.
O programa de clausura incluíu un encontro co Dr. Daniel Maspoch, investigador ICREA no ICN2, cuxo traballo combina de maneira excepcional a investigación fundamental e aplicada en nanotecnoloxía e química para o desenvolvemento de materiais reticulares porosos. Maspoch ofreceu a conferencia de clausura titulada Clip-off Chemistry: Synthesis by Bond Cleavage, na que presentou un novo enfoque sintético baseado na escisión selectiva de ligazóns en estruturas moleculares complexas, permitindo a xeración de novos materiais con gran precisión. "As innovacións nos métodos de sínteses non só abren o camiño a novas estruturas, senón que redefinen como deseñamos e construímos materiais para abordar necesidades globais", explicou Maspoch.
Máis aló do coñecemento adquirido, a experiencia do máster deixou unha pegada nos estudantes. En palabras de David Montoto, quen interveu en nome da promoción, este ano e medio supuxo moito máis que unha formación académica: "Aprendemos na fronteira, na intersección entre disciplinas e nos avances punteiros da ciencia. Investigamos para mellorar a vida das persoas e para descubrir a beleza única do mundo que nos rodea. E crecemos, como persoas". Tamén quixo destacar o papel fundamental do CiQUS nesta experiencia: "Este é o máster do CiQUS, que se converteu na nosa segunda casa… aínda que só sexa porque pasamos máis tempo aquí que na nosa propia". E, sobre todo, puxo en valor o espírito de comunidade e a calidade humana que atoparon nesta etapa: "As cousas máis importantes da vida dánsenos gratuitamente, e o máis importante que recibimos neste tempo é a sincera preocupación e apoio de quen nos acompañe. Iso é o máis precioso que podemos recibir, e que podemos dar".
Con esta quinta promoción, o Máster ChemBio&Mat continúa consolidándose como unha referencia na formación interdisciplinar no ámbito da Química e a Bioloxía, ofrecendo aos estudantes unha formación de alto nivel nunha contorna de investigación de vangarda como é o CiQUS.
A 5ª promoción do Máster ChemBio&Mat, xunto aos profesores Pérez, Granja e Maspoch, durante o acto de clausura.
O Dr. Daniel Maspoch (ICN2) ofreceu a conferencia de clausura: Clip-off Chemistry: Synthesis by Bond Cleavage.