O investigador do CiQUS Eddy Sotelo participará como relator invitado no Simposio Internacional de expertos en Química Médica «Receptores de Adenosina: retos presentes e futuros», que terá lugar os días 2 e 3 de marzo na Universidade de Uppsala (Suecia).
O encontro, organizado no marco da rede europea de cooperación GLISTEN, reunirá numerosos expertos a nivel internacional nas áreas da Química Médica, Farmacoloxía, Fisioloxía e Bioloxía Estrutural relacionadas coa familia de receptores de adenosina. Entre eles cómpre salientar renomeados científicos como Kenneth Jacobson, do NIH (National Institutes of Health, USA) ou Ad Ijzerman,da Universidade de Leiden (Holanda). Ademais, tamén estarán presentes representantes do sector empresarial, a través de compañías como Heptares ou Cellaura.
E. Sotelo presentará o seu relatorio na xornada inicial, ao longo dunha sesión monográfica sobre Química Médica na que impartirá unha charla titulada "Multicomponent-Assisted Modulation of Adenosine Receptors: Evolutionary Approaches for Ligand Discovery and Molecular Probes Assembly".
O Simposio está organizado polo Instituto Karolinska e a Universidade de Upsala no marco da COST Action GLISTEN; as Cost Action son os maiores proxectos colaborativos na actualidade a nivel europeo para facilitar o traballo e a cooperación transnacional entre expertos, investigadores e enxeñeiros.
Toda a información sobre os protagonistas e o contido das xornadas pode consultarse no Programa Oficial do Simposio.