A III Edición do Programa de Inicio á Investigación financiado polo CiQUS premia 8 estudantes de máster

16/03/2015

Por terceiro ano consecutivo o CiQUS concede 8 contratos a tempo parcial a alumnos de máster, co obxectivo de financiar a súa incorporación á carreira investigadora. As bolsas terán unha duración de sete meses, e servirán de apoio ao comezo das súas diferentes liñas de investigación nos grupos adscritos ao centro.

Un ano máis, o CiQUS mantén a súa aposta por atraer novos estudantes ao mundo da investigación a través dun programa de captación de talento, que financia a contratación de estudantes de máster para a súa incorporación ás actividades científicas do centro. O programa, que na presente edición cumpre tres anos, concede oito contratos a tempo parcial compatibles co desenvolvemento da actividade académica, apoiando así durante sete meses o arranque das súas respectivas liñas de investigación nos distintos grupos adscritos ao CiQUS.

Dirixido especificamente a alumnos de máster, este programa de captación de talento persegue como obxectivo fundamental incentivar o desenvolvemento de liñas de traballo cooperativas e/ou de interese estratéxico para o centro, ademais de apoiar os alumnos durante unha etapa formativa que na actualidade non está cuberta por ningunha das convocatorias competitivas de axudas previas á realización da tese doutoral.

Os alumnos de máster que obtiveron a bolsa no curso académico 2015-2016 son (de esquerda a dereita): Diana Rodríguez, Zulema Fernández, Lucía Álvarez, Iria Rodríguez, Alba del Reguero, Lara Fernández, Xabier Diz e David Cagiao.

 

II Edición Contratos de Investigación - Máster 2014

I Edición Contratos de Investigación - Máster 2013