José Luis Mascareñas Cid, Director Científico do CiQUS e Catedrático de Química Orgánica da Universidade de Santiago de Compostela (USC) foi distinguido coa Medalla 2015 da Real Sociedad Española de Química (RSEQ), o máximo galardón que existe na actualidade a nivel estatal no ámbito da química.
O CiQUS celebra a concesión da Medalla de Ouro da RSEQ ao seu Director Científico, José Luis Mascareñas, un premio que constitúe o maior recoñecemento da comunidade científica no ámbito da química en España. O xurado responsable deste galardón, formado por investigadores de máximo prestixio, ten como misión premiar traxectorias científicas de excelencia; proba diso son os seus fallos previos, que recoñeceron investigadores como Avelino Corma (2005) -quen figura no presente ano entre os premiados co Príncipe de Asturias de Investigación- ou Luis Liz Marzán (2014), investigador galego afincado no pais vasco, considerado como un dos líderes mundiais no campo da nanotecnoloxía.
Sobre Mascareñas
J. L. Mascareñas desenvolveu os seus estudos de doutorado na USC baixo a dirección dos profesores Luis Castedo e Antonio Mouriño, defendendo a súa tese doutoral en 1988. Posteriormente realizou estadías postdoutorais na Universidade de Stanford (1989 e 1990) como bolseiro postdoutoral do Ministerio de Educación e Ciencia, e na Universidade de Harvard (1992 e 1995), obtendo no ano 2004 a praza de Catedrático de Universidade nunha convocatoria nacional de habilitación. Foi profesor invitado na Universidade de Cambridge (UK, 2009) e no MIT (USA, 2013), é Presidente fundador do Grupo Especializado de Química Biolóxica da RSEQ (2012) e dende febreiro de 2014, Director Científico do CiQUS (Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares).
O Profesor Mascareñas ten publicado ao redor de 150 artigos científicos (moitos deles nas revistas máis importantes do ámbito da química), 11 capítulos de libro e 15 patentes. Ata o de agora dirixiu 25 teses doutorais, impartindo así mesmo preto de 100 conferencias como convidado nalgunhas das institucións e simposios internacionais do máis alto nivel. No ano 2009 foi recoñecido co Premio de Química Orgánica da RSEQ, e recentemente conseguiu a prestixiosa Advanced Grant que concede o Consello Europeo de Investigación (European Research Council - ERC), a única que existe nestes momentos en Galicia; en 2013, a Universidade de Santiago concedeulle a súa Insignia de Ouro.
O seu programa de investigación inclúe distintas liñas de traballo, dirixindo boa parte dos esforzos do seu grupo ao descubrimento e desenvolvemento de catalizadores que permitan realizar transformacións químicas máis sostibles; ademais, Mascareñas foi un dos pioneiros no establecemento da Química Biolóxica en España, unha rama da ciencia baseada en utilizar ferramentas moleculares para modular ou investigar procesos biolóxicos. En concreto, no seu grupo tratan de deseñar sistemas moleculares que permitan controlar procesos de expresión xenética e encimas artificiais, capaces de realizar reaccións químicas en células vivas.
Creando escola
O complemento as súas achegas científicas maniféstase nun labor de formación avalada polos éxitos dos seus doutorandos e postdoutorandos, cuxo éxito ilustra o feito de que cinco membros do seu equipo obtiveron contratos Ramón e Cajal, catro recibiron Premios Lilly para estudantes de doutorado, e tres deles foron recoñecidos cos premios a mozos investigadores que outorga a RSEQ (entre os cales se encontra Moisés Gulías, recentemente galardoado na convocatoria 2015).