Máis de 20 proxectos europeos, entre eles 11 ERC, sitúan ao CiQUS da USC na vangarda internacional en investigación química

18/03/2022
  • O centro singular da USC, primeiro do Sistema Universitario de Galicia (SUG) en número de proxectos financiados polo Consello Europeo de Investigación (ERC), a entidade máis prestixiosa no contexto internacional, cumpre unha década de vida apostando pola formación de alta calidade, a captación de talento, a innovación e a auto-esixencia
  • O rápido ascenso e cumprimento de obxectivos e a súa consolidación actual convérteno en Centro de referencia
  • A transferencia do CiQUS tradúcese en proxectos de amplo alcance como a xeración de enzimas artificiais con posibles aplicacións biomédicas; o desenvolvemento de vacinas contra a COVID-19; ou avances no campo dos novos materiais funcionais e desenvolvemento de novas metodoloxías
  • O I Simposio "Chemistry at the Frontier contará coa participación do Premio Nobel de Química 2021, David MacMillan, na súa primeira visita a Europa tras o seu nomeamento

O Centro Singular de Investigación de Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) da USC cumpre 10 anos situándose na vangarda da ciencia no ámbito internacional. Para conmemorar o seu X Aniversario celebrará o I Simposio "Chemistry at the Frontier" os días 30, 31 de marzo e 1 de abril, e terá como convidados a recoñecidos líderes mundiais en varios ámbitos da química, incluíndo ao Premio Nobel de Química 2021, David MacMillan, que viaxa da man do CiQUS, por primeira vez a Europa desde que lle concederon o Premio Nobel.

Os datos

O director científico do Centro, José Luis Mascareñas, resumiu hoxe en rolda de prensa os principais indicadores do CiQUS ao longo da súa primeira década, destacando “o seu rápido crecemento e o cumprimento dos máis altos estándares de calidade globais en formación, captación de talento e competitividade, ao obter 11 proxectos ERC, dirixidos por sete investigadores do Centro e financiados pola entidade máis prestixiosa do contexto internacional, o Consexo Europeo de Investigación”, subliñou José Luis Mascareñas. Obxectivos estratéxicos tamén foron a produción científica, cunha media superior aos 100 artigos ao ano en revistas de primeiro nivel como Science ou Nature; ou a transferencia de tecnoloxía, “clave para facer chegar á sociedade os resultados da investigación fundamental”, en palabras do director.

O director do CiQUS estivo apoiado na presentación polo subdirectora xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica Universitaria da Xunta de Galicia, María Jesús Tallón Nieto, e polo reitor da USC, Antonio López, "satisfeito por celebrar os 10 anos do centro singular da Universidade, semente do actual Campus de Excelecencia Internacional Campus Vida e porta de entrada aos outros dous centros que naquel momento compoñían a Rede (CiMUS e CiTIUS). Sen dúbida, un atributo que honra o bo facer da USC e que a sitúa no mapa mundial da investigación de excelencia. A boa saúde da que goza o CiQUS, que conta con maior número de investigadores do ERC do Sistema Universitario Galego (SUG), e as boas perspectivas a medio prazo, reafirman a posición de referencia do centro no seu ámbito de coñecemento”, asegurou López.

Pola súa parte, a representante da Xunta de Galicia celebrou a traxectoria do CiQUS, “que en 10 anos consolidouse como un centro de referencia, con un notable éxito en todo tipo de convocatorias e avalado pola comunidade científica”, o que reflexa que “é un nicho de talento, un centro que é capaz de atraer investigadores cun máximo nivel de calidade e cualificación”. Tamén destacou o apoio da Xunta de Galicia aos centros de investigación, cunha inxección económica de 30 millóns de euros nos últimos seis anos.

Impacto económico e progreso social

As investigacións que se levan a cabo no Centro organízase en tres áreas temáticas: Química Biolóxica e Médica; Materiais funcionais con aplicación tecnolóxica; e Tecnoloxías Sintéticas para o Desenvolvemento Sostible. Lonxe de ser compartimentos estancos, estas áreas interactúan entre si co fin de abordar retos científicos dende unha perspectiva multidisciplinar. Feito que enriquece o traballo colaborativo e favorece sinerxías entre grupos e proxectos.

"Facer ciencia de vangarda que impacte na sociedade é parte indisociable da nosa misión. Xunto ao importante impacto económico grazas á captación de proxectos europeos de primeiro nivel (en torno a 14 millóns de euros a través dos ERC), a transferencia tecnolóxica que logramos nesta década, con numerosas patentes solicitadas (24), cinco delas xa con licenza comercial de explotación; e a creación de catro spin-off (Matprint, MD.Use, Sigillum Knowledge Solutions e Celtarys Research); e contratos de I+D con oito industrias, dá debida conta da nosa incursión directa no progreso económico e social integral” lembrou Mascareñas.

Destacan tamén os proxectos internacionais de colaboración obtidos durante esta década. “Un total de 14, que supoñen máis de 4 millóns de euros, con máis de 20 países de todo o mundo, son as cifras que nos impulsan a seguir por este camiño”, defende o director científico do Centro da USC.

A traslación á sociedade do traballo científico tamén se reflicte en avances específicos en campos como a biomedicina (desenvolvemento de terapias contra o COVID-19 ou descubrimento de enzimas artificiais), os novos materiais funcionais (desenvolvemento  de novas baterías, dispositivos térmicos e electrónicos, etc.) e o desenvolvemento sostible (transformación sostible de materias primas).

Modelo de innovación e catalizador de talento

A misión principal do CiQUS é desenvolver a ciencia na fronteira do coñecemento e proporcionar formación de alto nivel a científicos e profesionais do ámbito da química e a biomedicina. Para iso dotouse dunha innovadora estrutura organizativa e de xestión  innovadora e un equipo humano multidisciplinar, formado na actualidade por 190 investigadores distribuídos en 18 grupos.

“O crecente prestixio internacional que adquiriu o noso Centro converteuno nun polo de atracción de talento de todo o mundo. De feito, o 25% do persoal investigador, hoxe líderes de grupo, uniuse ao CiQUS a través de programas de captación de talento xove, sen gardar ningunha relación previa con Galicia nin coa USC”, un dato incuestionable que confirma o soporte de excelencia que significa o CiQUS, tanto en formación e en recursos técnicos e humanos”, expuxo o director científico. Neste sentido, teñen unha especial significación programas formativos como o Master CHEM Bio&Mat, unha titulación pioneira en España dirixida a xoves de todo o mundo que desexan adentrarse na fronteira entre a química, a bioloxía e os nanomateriais.

Ademais, o modelo de funcionamento do noso Centro inclúe unha avaliación continuada e esixente por parte dunha comisión externa de máximo prestixio da que forman parte, entre outros, o Premio Nobel Jean-Pierre Sauvage, e que nos anima a seguir traballando baixo os máis altos estándares” concluíu Mascareñas.

O Premio Nobel de Química 2021 no I Simposio, cita de referencia para a comunidade científica

Co fin de conmemorar o X aniversario, o centro celebrará o primeiro simposio "Chemistry at the Frontier", un encontro científico que permitirá reunir a científicos de primeiro nivel de diferentes países.

Destaca a presenza do Premio Nobel de Química 2021, David MacMillan, da Universidade de Princeton (USA), na súa primeira visita a Europa dende a concesión do Premio e que participará tamén no programa de divulgación científica da USC “ConCiencia”. MacMillan é un químico británico-estadounidense que foi galardoado co Premio Nobel 2021, xunto con Benjamin List, polo desenvolvemento da organocatálise asimétrica, unha ferramenta que tivo un gran impacto na fabricación de medicamentos e outros materiais moleculares.

Durante tres días, Santiago de Compostela converterase nun foco científico internacional grazas ao simposio que terá lugar os días 30 e 31 de marzo e o 1 de abril. Acompañando ao Premio Nobel, destacadas personalidades científicas a nivel global, como Helma Wennemers da Universidade de Zúrich ou Harry Anderson da Universidade de Oxford, daranse cita no Edificio Fontán da Cidade da Cultura. Os relatores invitados son referentes nas áreas estratéxicas de investigación do CiQUS e representan o compromiso do Centro co talento novo e o equilibrio de xénero.

CiQUS, exemplo galego de excelencia global

Nacido no 2011, o Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) foi o primeiro dunha rede de centros cun novo modelo de organización e funcionamento, que constituíu o elemento fundamental da estratexia de I+D do proxecto CAMPUS VIDA (Campus de Excelencia Internacional) da USC. O CiQUS conta coa acreditación como Centro de Investigación do Sistema Universitario Galego (SUG) e o apoio da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

O Centro desenvolve a súa investigación no ámbito da Química en conexión coa Bioloxía e a Ciencia dos Materiais, promovendo o avance da ciencia na fronteira do coñecemento entre a química sintética, a bioloxía celular e os materiais funcionais. O seu obxectivo, ademais de xerar ciencia de primeiro nivel, é a formación de novos científicos, profesionais e futuros líderes, xerando progreso socio-económico e transferencia tecnolóxica e contribuíndo ao prestixio internacional da USC e, por extensión, do talento galego.