A novena edición de Ciencia Singular abre á sociedade as portas da investigación punteira feita na USC

28/10/2025

A Rede de Centros Singulares de Investigación da Universidade de Santiago de Compostela abre, un ano máis, as portas á cidadanía o sábado 8 de novembro, na novena edición de Ciencia Singular. Centos de persoas poderán visitar durante todo o día espazos que son referencia nas súas áreas científicas. Os cinco centros participantes, (CiQUS, CiMUS, CiTIUS, IGFAE e CRETUS) forman parte da rede CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación. Estes centros están cofinanciados pola Unión Europea a través do Programa Galicia FEDER 2021-2027.

Desde as 10.00 da mañá e ata as 20.00 horas, persoas de todas as idades percorrerán estas instalacións científicas para coñecer, da man do persoal investigador, o labor punteiro que se desenvolve neles día a día. Para participar nas actividades é preciso un rexistro previo, que pode formalizarse na páxina web cienciasingular.usc.es desde o próximo mércores 29 de outubro ás 16.00 horas. Na propia páxina estarán accesibles os programas e horarios da xornada. Habilitaranse catro quendas de visitas (10:00, 12:00, 16:00 e 18:00).

O obxectivo da xornada é transmitir á sociedade a relevancia da investigación que se desenvolve nestes centros. Así, dun xeito ameno e accesible, a través de obradoiros interactivos, experimentos, visitas guiadas e charlas divulgativas, centos de visitantes poderán descubrir como se traballa en áreas como a química, as tecnoloxías intelixentes, a medicina molecular, a física de partículas ou as ciencias ambientais. Ciencia Singular tamén procura fomentar vocacións científicas desde idades temperás, polo que o programa inclúe actividades para o público máis novo.