O CiQUS suma talento coa incorporación de Manuel Souto, novo investigador ERC

25/10/2023
  • Manuel Souto é o oitavo investigador do CiQUS que conta co respaldo do Consello Europeo de Investigación (ERC). 
  • O investigador adscríbese a USC a través do programa de captación de talento Oportunius da Axencia Galega de Innovación (GAIN)

 


O Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da USC (CiQUS) da Universidade de Santiago de Compostela (USC) acaba de incorporar ao seu equipo científico ao Dr. Manuel Souto, investigador procedente do Instituto de Materiais de Aveiro - CICECO- (Portugal). Souto aposta deste xeito pola investigación punteira e multidisciplinar levada a cabo no CiQUS: "Comezo esta nova etapa con moita ilusión e ganas de poñer en marcha o laboratorio e o novo equipo. Fun moi ben recibido no centro desde o primeiro día" comenta o investigador. "Estou convencido de poder achegar novas liñas de investigación, algunhas das cales son complementarias ás doutros grupos do centro, polo que espero colaborar con moitos deles e tamén contribuír ao posicionamento do CiQUS como un dos centros de referencia que desenvolve ciencia na fronteira do coñecemento".

Souto recibiu o ano pasado o apoio do Consello Europeo de Investigación (ERC), a través dunha das súas prestixiosas axudas Starting Grant (dotada con 1.5 millóns de euros), para deseñar unha nova familia de redes orgánicas covalentes (COFs) con aplicación como eléctrodos en baterías recargables: "Quizais un dos maiores desafíos actuais no campo das baterías é remplazar os eléctrodos inorgánicos, baseados en elementos críticos como cobalto, por materiais máis sostibles. Os materiais orgánicos, ao estar baseados en elementos abundantes, teñen un gran potencial" explica o investigador. O proxecto enmárcase no traballo que Souto veu desenvolvendo con polímeros electroactivos, e que agora se integra na actividade científica do CiQUS para reforzar a área de materiais funcionais con aplicación tecnolóxica.

Manuel Souto é o oitavo investigador do CiQUS que conta co respaldo do ERC, e o seu proxecto ELECTROCOFS será o duodécimo proxecto do centro avalado polo prestixioso organismo europeo. Ademais, o CiQUS sumou este ano unha importante axuda do Consello Europeo de Innovación (EIC), o que eleva aínda máis a capacidade do centro para levar a cabo proxectos altamente competitivos e de gran envergadura. 

Tras unha estancia de investigación en PLAPIQUI (Arxentina) e un Máster na Universidade de Estrasburgo, Manuel Souto obtivo en 2016 o seu doutoramento en Ciencia de Materiais no Institut de Ciència de Materials de Barcelona (ICMAB-CSIC) co Prof. Jaume Veciana. En 2017 comezou a traballar como investigador postdoutoral no Instituto de Ciencia Molecular (ICMol-UV) e en 2019 iniciou a súa carreira independente como Profesor Asistente na Universidade de Aveiro e CICECO-Instituto de Materiais de Aveiro, onde foi promocionado a Investigador Principal en 2022. Recentemente incorporado á USC e vinculado ao CiQUS a través do programa de captación de talento Oportunius da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Souto continuará traballando no desenvolvemento de materiais electroactivos, constituídos principalmente por moléculas orgánicas que son capaces de responder a estímulos eléctricos. O investigador declárase "orgulloso de poder desenvolver a miña carreira investigadora na península ibérica, polas dificultades que supón", e destaca ter a sorte de traballar en grandes institutos de investigación e con excelentes investigadores. O CiQUS celebra agora a súa vinculación ao centro como Investigador Principal e augúralle un futuro prometedor nesta nova etapa que se abre.