Os Premios da farmacéutica Lilly recoñecen un ano máis a investigación de calidade desenvolvida no CiQUS

28/09/2015

O investigador do CiQUS Andrés Seoane Fernández foi galardoado cun dos tres Premios de Investigación Lilly para Alumnos de Doutoramento, que na súa 13ª edición volveu premiar a investigación de calidade desenvolvida no centro. Deste xeito, Andrés Seoane convértese así no cuarto investigador predoutoral do CiQUS que recibe este premio, tras Lorena Tizón (2012), Isaac Alonso (2013) e Mateo Sánchez (2014).

Baixo a dirección do Profesor José Luís Mascareñas e o Dr. Moisés Gulías, o traballo deste investigador céntrase na área de síntese orgánica, focalizando o seu labor no desenvolvemento de novos métodos de síntese baseados na funcionalización de ligazóns Carbono-Hidróxeno (C-H) mediante o uso de catalizadores metálicos.

O obxectivo da activación de ligazóns C-H é transformar moléculas sinxelas noutras moito máis complexas, o que permitiría facer máis directo, económico, e sinxelo o acceso a fármacos ou outros compostos biolóxicamente activos, así como menos contaminantes.

A entrega do premio tivo lugar o pasado venres 25 de setembro no Centro de Investigación Básica de Lilly España en Madrid, ao longo dun acto que incluíu unha sesión científica cunha conferencia plenaria do Prof. David MacMillan (Princeton University, USA) e tres charlas convidadas, nas que os premiados tiveron a oportunidade de presentar os seus traballos.

Coa concesión deste novo premio, a ciencia desenvolvida no CiQUS figura un ano máis entre os galardoados cos premios de investigación Lilly, un prestixioso recoñecemento que avala a calidade e a traxectoria de mozos investigadores nas áreas de Química Orgánica, Farmacéutica e Analítica de toda España.