O Premio Nobel Ben Feringa seduce cun inspirador discurso no CiQUS á audiencia máis nova, formada maioritariamente por estudantes de secundaria.
O CiQUS acolleu na tarde de onte un encontro entre o Premio Nobel de Quimica 2016, Ben Feringa, e estudantes de secundaria procedentes de distintos institutos de Galicia.
A xornada, organizada polo centro de investigación da USC no marco dunha visita auspiciada polo propio CiQUS, reuniu unha chea de mozas e mozos, aos que laureado científico neerlandés animou a «seguir a senda da aventura e o descubrimento» que representa a carreira investigadora.
Tras unha breve charla na que resumiu as claves do seu traballo nos últimos anos ata converterse nun dos pais das «máquinas moleculares», e que o levaron a recibir o prestixioso recoñecemento da Academia Sueca, Feringa participou nun extenso coloquio cos asistentes, que non dubidaron en preguntarlle sobre a súa traxectoria, a súa visión das potenciais aplicacións que poderían ter os seus descubrimentos ou como enfocar unha carreira profesional orientada ao campo científico.