A Real Sociedade Española de Química (RSEQ) concede un dos seus cinco premios anuais á investigador ERC Starting Grant do CiQUS, líder dun proxecto internacional financiado polo prestixioso programa HFSP (‘Human Frontier Science Program’).
![]() |
Javier Montenegro lidera na actualidade dous proxectos de investigación na fronteira do coñecemento. / Foto: Andrés Ruiz |
Terceiro premio ‘Joven Investigador Sigma-Aldrich’ para un investigador do CiQUS nos últimos catro anos: Javier Montenegro, investigador Ramón y Cajal responsable do proxecto europeo ‘DYNAP’, e líder dun proxecto de investigación transnacional en química biolóxica financiado polo programa global ‘Human Frontier Science Program’ (HFSP), vén de ser distinguido cun dos recoñecementos que concede anualmente a Real Sociedade Española de Química (RSEQ), no seu afán por promover a excelencia en investigación.
O galardón, que premia a proxección demostrada por químicos novos ao comezo das súas carreiras independentes, avala a traxectoria recente do investigador principal do centro, que nos últimos anos destacou por éxitos científicos notables, como a obtención dunha das competitivas axudas europeas do Consello Europeo de Investigación (ERC - European Research Council). Javier Montenegro convértese así no sexto investigador do centro en obter este premio, tras Diego Peña (2007), Eugenio Vázquez (2008), Fernando López (2009), Moisés Gulías (2015) e Martín Fañanás (2016).
Honra e gratitude
O profesor Montenegro confesábase dobremente honrado por recibir este premio: «tendo en conta a enorme calidade da investigación en Química que hai en España e a excelencia doutros centros e investigadores, é un orgullo que volvese recaer unha vez máis en alguén que traballa nun centro galego», afirma. «Estou moi contento de que o xurado da RSEQ me tivera seleccionado para este premio, porque provén dos colegas que máis admiro e respecto», asegura.
Javier Montenegro tivo tamén palabras de agradecemento para o CiQUS, a USC e as axencias de financiamento da investigación, pero «por ribade todo» quixo destacar o traballo do seu equipo: «estou en débeda cos estudantes do meu grupo de investigación, pois son eles os que co seu esforzo permanente o fixeron posible », conclúe.