Massimo Lazzari, responsable do proxecto no CiQUS, viaxou a pasada semana a Göteborg para presentar os resultados científicos obtidos ata a data no marco da primeira reunión anual do consorcio («First Annual Consortium Meeting»)
O Profesor Lazzari presentou recentemente en Suecia os principais resultados acadados polo seu equipo no marco do proxecto europeo 'NanoRestart', ó longo de dúas charlas sobre o seu traballo arredor da aplicación de novas técnicas de diagnose na análise de materiais empregados na arte contemporánea, concretamente a aplicación da técnica SERS (Surface-Enhanced Raman Spectroscopy) no estudo do envellecemento de materiais plásticos nas obras de arte.
Sobre o proxecto
«NanoRestArt» é unha iniciativa europea no marco do Programa H2020, dedicada á investigación e o desenvolvemento de aplicacións baseadas en nanopartículas para mellorar a preservación de obras de arte moderna e contemporánea. O consorcio reúne a expertos na xestión do patrimonio cultural, científicos e investigadores, así como a grandes corporacións e pequenas e medianas empresas que participan na adaptación industrial e a explotación dos resultados do proxecto.
Inclúe, ademais, a restauradores, investigadores en materiais e conservación de bens culturais, así como a institucións adicadas á produción de nanotecnoloxía e materiais avanzados ou outras adicadas a prestar servizos tan variados como diagnose, asistencia sanitaria, formación ou difusión, entre outros.
Na actualidade, a actividade científica do proxecto xira arredor de catro líñas principais: limpeza de pinturas e superficies plásticas; estabilización de lenzos e soportes; eliminación de materiais inadecuados; e melloras na protección de obras de arte conservadas, tanto en museos como no exterior.