As teses do CiQUS: Rafael Rodríguez Rego

20/03/2018

O investigador Rafael Rodríguez Rego convértese en doutor tras defender con éxito a súa tese doutoral na Facultade de Química da USC.


A aula magna da Facultade de Químca da USC acolleu o pasado venres 16 de marzo a defensa de tese do investigador do CiQUS Rafael Rodríguez, un traballo con mención internacional centrado no deseño racional de polímeros helicoidais dinámicos, que foi supervisado polos profesores Emilio Quiñoá e Félix Freire.

Algúns dos estudos realizados ao longo deste traballo foron publicados en revistas internacionais de referencia como Angewandte Chemie Int. Ed., Journal of the American  Chemical Society ou Nanoscale. Neles analizáronse diferentes parámetros que afectan ao pregamento en forma de hélice dun polímero helicoidal, desenvolvendo para iso as metodoloxías axeitadas que permitiron estudar estes polímeros mediante técnicas estruturais, como a Microscopía de Forza Atómica (AFM).

Estes estudos fixeron posible elucidar a estrutura secundaria dunha gran variedade de polímeros helicoidais de tipo polifenilacetileno (Nanoscale 2016 , JACS 2016 ), permitindo establecer unha relación directa entre o sentido de xiro do polímero e o seu espectro de dicroísmo circular (ACIE 2018), así como a relación entre a estrutura e nanoestructuración dos mesmos (Nanoscale 2017); ademais, observouse tamén un ordenamento helicoidal do disolvente que solvata ao polímero helicoidal.

Asemade, parte destes estudos conduciron ao desenvolvemento dun mecanismo de comunicación entre os diferentes compoñentes dun copolímero quiral, ao que se deu en chamar “coalición quiral” (JACS 2018 ). Ao longo deste traballo de tese de doutoramento combinouse a química de polímeros helicoidais con motivos estruturais clásicos de química biolóxica -láminas beta, xiros beta ou gamma-, podendo así manipular mediante a presenza de estímulos externos tanto o sentido de xiro dos polímeros como a elongación da hélice.