Tres másteres vinculados al CiQUS entre los mejores del país

21/06/2016

O Máster en Química Orgánica e o Máster en Química Teórica e Modelización Computacional figuran entre os máis valorados no ámbito de Ciencias Experimentais e Tecnolóxicas de acordo á clasificación que publica anualmente o diario 'El Mundo'.


Tres másteres impartidos pola USC e vinculados ao CiQUS foron incluidos na clasificación anual elaborada polo diario El Mundo, que destaca os mellores estudos de posgrao dispoñibles en España na actualidade. Así, no apartado de Ciencias Experimentais e Tecnolóxicas figuran o Máster en Química Teórica e Modelización Computacional (3º) e o Máster en Química Orgánica (4º), recollendo igualmente en terceiro lugar o Máster en Investigación e Desenvolvemento do Medicamento no apartado de Farmacia.

Todos eles inclúense na oferta formativa da USC, e contan coa participación de Investigadores Principais do CiQUS, tanto na labor docente das asignaturas teóricas como na dirección de Traballos Fin de Máster (TFM). Estes traballos ofrecen aos alumnos a oportunidade de integrarse no CiQUS e optar ao seu programa de bolsas anuais para estudantes, que ano tras ano pretende favorecer o desenvolvemento de tarefas de iniciación á investigación en liñas de traballo cooperativas ou de interese estratéxico para o centro.

Formación de primeiro nivel

Situado en cuarta posición, o Máster en Química Orgánica -no que ademais da Universidade de Santiago de Compostela (USC) participan a Universidade Complutense e a Universidade Autónoma de Madrid-, ofrece unha formación fundamental, teórica e aplicada, para o acceso ao doutorado ou para o exercicio da profesión de químico en laboratorios, sistemas de produción, e sistemas I+D+i privados e institucionais que requiran o dominio da Química Orgánica. Na actualidade, máis da metade dos estudantes de máster do CiQUS cursan esta titulación.

O Máster de Química Teórica e Modelización Computacional acumula xa catro anos entre os 5 primeiros do ranking. Trátase dun master interuniversitario no que participan 14 universidades españolas e un consorcio de 11 universidades estranxeiras. Está orientado cara á carreira investigadora e conta con varios profesores do Grupo de Química Teórica e Computacional, 4 deles pertencentes ao CiQUS. O seu obxectivo é permitir ao alumno aplicar conceptos, principios e teorías relacionados coa química teórica, modelización computacional e química cuántica, así como adquirir unha visión global das súas aplicacións en diversos campos da Química, Bioquímica, Ciencias de Materiais, Astrofísica e Catálisis.

Por outro lado, investigadores do CiQUS participan tamén no Máster en Investigación e Desenvolvemento do Medicamento da USC (que sobe ata a terceira posición da clasificación na categoría de Farmacia) e no Máster en Investigación Química e Química Industrial, de carácter interuniversitario e impartido conxuntamente coas universidades de Coruña (UdC) e Vigo (UVIGO). Neste caso, o obxectivo é proporcionar aos alumnos coñecementos en química avanzada e técnicas instrumentais químicas e biolóxicas, orientados cara a investigación ou á profesionalización en Ciencia e Tecnoloxía Química.

A clasificación anual que publica o diario El Mundo destaca os 250 mellores másteres seleccionados entre máis dun millar de opcións en todo o país, fundamentándose en 25 parámetros divididos en cinco áreas de análise, como a demanda, recursos humanos, plan de estudos, resultados e medios materiais. Na súa elaboración colaboran 750 expertos procedentes de distintas áreas, como profesores, alumnos, egresados ou representantes de empresas colaboradoras.