O consorcio MolDAM celebra en Laxe a súa cuarta reunión anual

16/07/2025

A vila costeira de Laxe acolleu a cuarta reunión anual do proxecto MolDAM, unha iniciativa científica de vangarda financiada cunha Synergy Grant do Consello Europeo de Investigación (ERC). O proxecto está coordinado conxuntamente por Diego Peña (CiQUS), Leo Gross (IBM Research) e Jascha Repp (Universidade de Ratisbona), e céntrase no estudo e manipulación de reaccións químicas a escala molecular.

Durante varios días de traballo intensivo, o encontro reuniu esta semana a investigadores dos tres centros participantes nun programa que combinou presentacións científicas, sesións de pósters e espazos para a discusión e planificación estratéxica. Entre os temas abordados destacaron os avances na síntese de nanografenos e porfirinas, a manipulación atómica mediante microscopía de forza atómica (AFM) e de efecto túnel (STM), e novas aproximacións para inducir reaccións químicas con pulsos de luz e campos magnéticos.

A colaboración entre os equipos do CiQUS, IBM e a Universidade de Ratisbona permitiu alcanzar fitos científicos de grande impacto, como a publicación na revista Science que foi portada en xuño de 2022. Neste traballo, o consorcio logrou controlar a formación selectiva de enlaces químicos entre átomos individuais, un avance clave para o deseño de reaccións químicas cun nivel de precisión sen precedentes.

Con máis de nove millóns de euros de financiamento e unha duración de seis anos, o proxecto MolDAM representa un exemplo destacado da investigación interdisciplinar e colaborativa apoiada pola Unión Europea. A reunión en Laxe serviu para consolidar as sinerxías entre os grupos participantes e definir os próximos retos científicos na fronteira da nanotecnoloxía e a química molecular.

Single Molecular Devices by Atomic Manipulation (MolDAM)

O CiQUS conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación, e recibe apoio financeiro da Unión Europea a través do Programa Galicia FEDER 2021-2027.

Grupo de participantes na reunión de MolDAM

 

Grupo de participantes na reunión de MolDAM xunto ao mar

Membros do proxecto MolDAM na cuarta reunión anual (Laxe).