O CiQUS atrae talento internacional con tres proxectos `Marie Curie´ en nanomedicina, transporte molecular e enerxía sostible

21/02/2025

O Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) brilla con luz propia na convocatoria Marie Sklodowska-Curie Postdoctoral Fellowships (MSCA-PF). A Comisión Europea anunciou a semana pasada os proxectos seleccionados na súa última edición, entre os cales o CiQUS logrou adxudicarse tres dos cinco proxectos concedidos á Universidade de Santiago de Compostela. Os beneficiarios, tres investigadores posdoutorais, desenvolverán os seus proxectos nos laboratorios do centro durante os próximos dous anos. Estes resultados corroboran, unha vez máis, unha exitosa estratexia do CiQUS para atraer talento posdoutoral no ámbito internacional.

O proxecto NANO-MAC, liderado pola Dra. Mafalda Gonçalves (Portugal) baixo a supervisión de Pablo del Pino, busca desenvolver nanotransportadores que imitan aos macrófagos para administrar fármacos de xeito moi selectivo a tecidos inflamados, con aplicacións en enfermidades como a colite ulcerosa. O proxecto BOOST, dirixido pola Dra. M. Inés Paiva da Silva Leitao (Portugal) e supervisado por Javier Montenegro, explorará o uso de compostos de boro para transportar oligonucleótidos aniónicos a través de membranas celulares, abrindo novas vías na entrega de fármacos baseados en ácidos nucleicos. Por último, o proxecto McCOFs, a cargo do Dr. Arindam Mal (India) e supervisado por Manuel Souto, centrarase no deseño de cátodos orgánicos de alta capacidade para baterías de litio, utilizando redes covalentes orgánicas.

A presente convocatoria destinará 417 millóns de euros para que case 1.700 investigadores posdoutorais de Europa e do resto do mundo poidan desenvolver os seus propios proxectos mentres reciben formación e supervisión de alto nivel. O programa MSCA Postdoctoral Fellowships é recoñecido como un dos máis prestixiosos e competitivos de Europa e ten como obxectivo fomentar a excelencia investigadora a través da mobilidade internacional e a formación interdisciplinar. Nos últimos anos, investigadores de diversos países como a India, Portugal, Irán, Colombia e Guatemala incorporáronse ao CiQUS no marco deste exitoso programa. Este novo logro refórzaa proxección internacional do centro e a súa capacidade para impulsar avances científicos en áreas de vangarda.

 

De izq. A dcha: Inés Paiva da Silva, Mafalda Gonçalves y Arindam Mal.