O CiQUS recibe o recoñecemento da Xunta pola súa excelencia investigadora

12/02/2025

O CiQUS participou este martes xunto ao resto de centros da Rede CIGUS no acto de recoñecemento que a Xunta de Galicia lles rendeu por ser clave na investigación de excelencia universitaria e actuar como motor de progreso de Galicia. Na cerimonia, que presidiu o presidente da Xunta, participou o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades y Formación Profesional, o reitor Antonio López, os directoras e directores dos centros da rede CIGUS así como outras autoridades civís e académicas.

No proceso previo que avaliou a traxectoria e o rendemento do conxunto de centros de investigación do Sistema Universitario de Galicia (SUG), O CiQUS renovou o ano pasado a súa acreditación de excelencia como o centro mellor valorado. Na súa intervención no acto de recoñecemento, o director científico do CiQUS José Luis Mascareñas animou a "seguir enchendo a bolsa do coñecemento, porque é aí onde temos que acudir cando veñen mal dadas, como a pandemia, e para afrontar os desafíos que ten a sociedade en distintos ámbitos. Apostar pola ciencia é esencial para construír unha sociedade máis culta e con máis capacidade crítica".

A rede CIGUS, que conta hoxe con 1.600 investigadores e captou nos últimos catro anos máis de 180 millóns de euros en proxectos competitivos, é un modelo único cofinanciado no marco do programa operativo Feder Galicia 2021-2027. No acto celebrado onte no Museo Centro Gaiás, o presidente da Xunta destacou a importancia da Rede CIGUS como referente da excelencia científica en Galicia, agradeceu a súa contribución a construír “unha Galicia potente e de calidade”, e puxo en valor o seu papel clave na conexión entre a investigación e o tecido produtivo, permitindo transformar coñecemento en progreso.

Ademais do CiQUS, conforman esta superestrutura por parte da Universidade de Santiago de Compostela,o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), o Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS), o Centro de Investigación Singular en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) e o Centro de Investigación Interdisciplinar en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS); pola Universidade de Vigo, o Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación(AtlanTTic), o Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina (CINBIO) e o Centro de Investigación Mariña(CIM), e pola Universidade da Coruña, o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) e o Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA). No mesmo acto, fíxose tamén entrega de placas de recoñecemento polo seu labor investigador aos centros colaborativos CITEEC, CINTECX e ECOBAS.

 

 

In the media