A investigadora do CiQUS Beatriz Pelaz recibiu o Premio Nacional de Investigación para Xoves 2024 durante unha cerimonia institucional celebrada onte no Palacio Real de El Pardo (Madrid), presidida polo Rei Felipe VI. Ao acto asistiron tamén a ministra de Ciencia, Innovación e Universidades, Diana Morant, e a secretaria de Estado de Ciencia, Innovación e Universidades, Eva Ortega-Paíno. Estes galardóns constitúen o maior recoñecemento científico que se outorga en España, tanto polo seu prestixio como polo respaldo institucional que levan asociado.
Beatriz Pelaz foi distinguida na modalidade “Felisa Martín Bravo”, correspondente á área de Ciencia e Tecnoloxías Físicas, polo seu traballo no desenvolvemento de nanomateriais avanzados con aplicacións biomédicas. Na súa investigación destacan o control das propiedades fisicoquímicas dos materiais para determinar o seu comportamento biolóxico e o desenvolvemento dunha nova tecnoloxía para a modificación da superficie de nanopartículas mediante o uso de origamis de ADN.
A súa achega contribúe tamén a que esta sexa a edición máis paritaria da historia dos Premios Nacionais de Investigación: por primeira vez, máis da metade dos galardóns foron outorgados a mulleres, tanto na categoría sénior como na de mozos e mozas, un fito destacado polo propio Ministerio como reflexo do avance cara á igualdade no ámbito científico.
Os Premios Nacionais de Investigación, creados en 1982 e ampliados desde 2021 cunha categoría específica para persoas investigadoras novas, están dotados con 30.000 euros en cada modalidade. Ademais de recoñecer traxectorias individuais, estes galardóns buscan visibilizar a excelencia do sistema científico español e servir de estímulo para as novas xeracións.
Para o CiQUS, este recoñecemento a Beatriz Pelaz constitúe tamén un motivo de orgullo colectivo, que reforza a relevancia da investigación desenvolvida no centro no ámbito da química interdisciplinar con aplicacións biomédicas. O CiQUS conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación, e recibe apoio financeiro da Unión Europea a través do Programa Galicia FEDER 2021-2027.
Imagen: Premios Nacionales de Investigación | Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades
Imagen: Premios Nacionales de Investigación | Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades