Manuel Souto, Premio "Joven Investigador" da RSEQ

06/05/2025

 

A Real Sociedade Española de Química (RSEQ) anunciou o pasado mércores os resultados dos seus premios anuais. Entre os galardoados nesta edición atópase Manuel Souto, quen recibiu o Premio `Joven Investigador´ na modalidade Líder de Grupo. A RSEQ subliñou o altísimo nivel das candidaturas presentadas e, con este recoñecemento, valora a destacada traxectoria profesional de Souto e o seu traballo á fronte de ElectroMolMat, o grupo de investigación que dirixe dende o Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) da Universidade de Santiago de Compostela.

"Séntome moi honrado por recibir este premio e agradecido á RSEQ por este recoñecemento", sinala Souto, quen tamén ten palabras de agradecemento cara a todos os membros do seu grupo -pasados e actuais- polo seu entusiasmo e dedicación. "Gustaríame destacar ao CiQUS e ao programa Oportunius da Xunta que me permitiron regresar a España para continuar investigando con unhas condicións e unha infraestrutura excelentes."

Souto incorporouse ao CiQUS en 2023 como Profesor de Investigación Oportunius, procedente do Instituto de Materiais de Aveiro - CICECO (Portugal). A súa investigación céntrase no deseño de materiais moleculares electroactivos, cun enfoque particular na síntese de novos polímeros porosos que teñen aplicacións en electrónica e almacenamento de enerxía. Actualmente conta cunha das prestixiosas axudas do Consello Europeo de Investigación (ERC, polas súas siglas en inglés) para levar a cabo un proxecto cuxo obxectivo é deseñar unha nova familia de COFs, uns materiais porosos baseados en elementos abundantes con propiedades excepcionais, para o seu uso como electrodos en baterías recargables.

Este recente recoñecemento da RSEQ súmase a outros premios obtidos por Souto, como o premio de doutoramento NanoMatMol (2017), o premio extraordinario de doutoramento (2018) e o Premio Europeo de Tesis Doutorais sobre Magnetismo Molecular (2020). Ademais, o investigador é membro da Academia Xove de Europa, unha iniciativa paneuropea que recoñece a científicos emerxentes e promove o intercambio científico e as achegas á política científica comunitaria.

Desde 2017, xa son cinco os investigadores do CiQUS distinguidos co Premio `Joven Investigador´ da RSEQ: Moisés Gulías, Martín Fañanás, Javier Montenegro, Beatriz Pelaz e, agora, Manuel Souto. O centro conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación, e está cofinanciado pola Unión Europea a través do Programa Galicia FEDER 2021-2027.