Manuel Souto, investigador no Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) da Universidade de Santiago de Compostela, vén de ser elixido Académico de Número da Academia Joven de España (AJE), unha institución que reúne algúns dos científicos e científicas máis prometedores do país co obxectivo de contribuír activamente ao desenvolvemento da ciencia e do seu papel na sociedade.
O seu nomeamento foi aprobado o pasado 16 de xuño durante unha reunión extraordinaria da Xunta Xeral da AJE. Nesta edición, só 10 das 123 candidaturas presentadas foron seleccionadas, tras un rigoroso proceso de avaliación levado a cabo por un comité internacional independente formado por investigadores de recoñecido prestixio.
A Academia Joven de España actúa como unha plataforma de reflexión, asesoramento e cooperación interdisciplinar, co obxectivo de fomentar a investigación e o talento científico no noso país, así como de representar á comunidade investigadora máis nova nos espazos de decisión científica.
Como novo Académico de Número, o Dr. Souto deberá impartir unha conferencia pública no acto de toma de posesión, na que expoñerá a súa visión sobre a AJE e os proxectos que desenvolverá durante a súa pertenza activa á institución.
Con este recoñecemento, Manuel Souto convértese no segundo investigador do CiQUS en incorporarse á Academia Joven de España, tras a elección de Beatriz Pelaz en 2021.