O Grupo Especializado de Química Orgánica (GEQOR) da Real Sociedade Española de Química (RSEQ) concedeu ao profesor Martín Fañanás Mastral a Medalla José Barluenga 2025, un recoñecemento á excelencia investigadora no ámbito da Química Orgánica. Xunto a Fañanás, investigador Oportunius e actual director adxunto do CiQUS, tamén foron recoñecidos Carlos Valdés Gómez (Universidade de Oviedo), coa Medalla Fèlix Serratosa, e José Alemán Lara (Universidade Autónoma de Madrid), coa Medalla Ignacio Ribas.
Martín Fañanás Mastral doutorouse en Química pola Universidade de Oviedo no ano 2007, baixo a dirección dos profesores J. Barluenga e F. Aznar. En 2009 incorporouse ao grupo do Prof. Ben L. Feringa na Universidade de Groningen (Países Baixos) como investigador posdoutoral. En 2014 incorporouse ao Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) da Universidade de Santiago de Compostela (USC) como investigador Ramón y Cajal, foi contratado como Profesor Contratado Doutor en 2020 e como Profesor Titular en 2021, e actualmente é Oportunius Research Professor.
O profesor Fañanás foi galardoado previamente co Thieme Chemistry Journal Award (2015), o Premio de Mozos Investigadores da RSEQ (2016) e o Premio Lilly para Investigadores Mozos (2018). Na convocatoria de 2019, obtivo unha Consolidator Grant do Consello Europeo de Investigación (ERC). A súa investigación céntrase no desenvolvemento de novas metodoloxías catalizadas por complexos de metais de transición que permitan levar a cabo transformacións sostibles e de alta eficiencia atómica, orientadas á formación enantioselecitva de enlaces C–C e á activación e funcionalización de hidrocarburos.
Martín Fañanás destaca a especial ilusión que lle fai o feito de que a medalla leve o nome do seu director de tese doutoral. As medallas do GEQOR concédense anualmente co obxectivo de recoñecer a traxectoria e contribución científica de investigadores que desenvolven a súa actividade en institucións españolas, en cada unha das tres grandes etapas da carreira científica: consolidación, madurez e recoñecemento internacional. Neste contexto, a Medalla José Barluenga distingue a traxectoria de investigadores que, tras unha primeira etapa de investigación independente, deron un salto cualitativo de excelencia, cun mínimo de quince anos desde a defensa da súa tese doutoral.
Este recoñecemento reforza o papel destacado do CiQUS no ámbito da Química Orgánica a nivel estatal. O centro conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e o impacto da súa investigación, e recibe apoio financeiro da Unión Europea a través do Programa Galicia FEDER 2021-2027.
O Grupo Especializado de Química Orgánica (GEQOR) da RSEQ concedeu a Martín Fañanás a Medalla José Barluenga 2025, en recoñecemento á súa destacada traxectoria científica no campo da Química Orgánica.