O CiQUS renova a súa acreditación de excelencia científica

30/04/2024

O Consello de Goberno da Xunta de Galicia aprobou esta semana as axudas á Rede de Centros de Investigación Universitaria de Galicia (CIGUS). O Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) renovou a súa acreditación como centro de excelencia científica e contará cunha dotación de 3 millóns de euros para desenvolver a súa actividade ata 2027. Unha vez máis, o CiQUS foi o centro mellor valorado ao lograr a maior puntuación durante o proceso que avaliou a traxectoria e o rendemento do conxunto de centros de investigación do SUG.

Os directores do centro destacan que a nova acreditación serve para "poñer en valor o resultado, tras superar unha avaliación moi esixente", e agradecen o traballo e compromiso tanto dos investigadores como do equipo técnico e de xestión, que o fixeron posible. "A axuda permitirá poñer en marcha moitas das actuacións previstas no Plan Estratéxico do CiQUS, reforzar o noso liderado nacional e internacional no ámbito da química e a súa fronteira coa bioloxía e a ciencia de materiais, e avanzar no desenvolvemento de tecnoloxías para a mellora da saúde e o medio ambiente", remarcan desde o equipo directivo.

Coa resolución desta convocatoria da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, a Xunta de Galicia acredita a excelencia e outorga financiamento para fortalecer as capacidades e proxecto científico destes centros. Esta acreditación realizouse a partir das valoracións feitas por un comité externo con base en tres grandes dimensións: Organización e goberno (estratexia, gobernanza e estrutura organizativa, xestión do talento, financiamento e infraestrutura), Calidade da investigación (proxectos, produción científica, colaboración interna, recoñecementos, transferencia e internacionalización) e Relevancia para a sociedade (investigación e innovación responsable, servizos e comunicación).

Entre aqueles centros que renovan a súa acreditación de excelencia tamén se atopa o IGFAE, o CiMUS e o CiTIUS, por parte da Universidade de Santiago de Compostela; AtlanTTic, CINBIO e CIM por parte da Universidade de Vigo (UV); e CITIC por parte da Universidade da Coruña. Ademais, o CRETUS (USC) e o CICA (UDC) incorpóranse por primeira vez a esta alianza que, no seu conxunto, suma xa unha rede de dez centros. Todos eles contarán co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación. Doutra banda, nesta convocatoria creouse unha nova categoría de centros, Centro de Investigación Colaborativo, que aínda que non obteñen a acreditación de excelencia, están camiño de conseguilo. Entre estes centros atópanse o CITEC (UDC), o CINTECX (UV) e o ECOBAS (UV).

In the media