O grupo de Viroloxía Molecular avanza nunha futura vacina contra Crimea-Congo

27/02/2025

Xullo de 2024. Un informe oficial confirma a circulación do virus de Crimea-Congo en Galicia. A Rede Galega de Vixilancia de Vectores, dependente da Consellería de Sanidade e encargada de elaborar o documento, corroboraba a detección do patóxeno en 13 animais de granxa e lanzaba unha mensaxe de calma: o seu salto a humanos é remoto, pero cada vez máis probable. Con todo, a identificación do virus transmitido por carrachas fixo saltar as alarmas, dado que ten unha taxa de letalidade de ata o 40% e xa segou a vida de seis persoas en España. A día de hoxe non hai vacina nin tratamento específico para esta enfermidade, mais un equipo galego leva anos tratando de atopar unha solución.

O grupo de Viroloxía Molecular liderado por José Martínez Costas dende o Centro de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) da Universidade de Santiago de Compostela traballa nun candidato vacinal contra Crimea-Congo dende hai tempo xunto cun equipo do Centro de Investigación en Sanidade Animal (CISA) situado de Madrid donde se fixeron os experimentos. De feito, están a piques de publicar un estudo onde se presentarán os resultados preliminares da súa proposta.

O experimento levado a cabo no CISA partiu da inxección do virus en ratos e a posterior aplicación conxunta das formulacións propostas polo CiQUS e polo equipo do Instituto Nacional de Investigación e Tecnoloxía Agraria e Alimentaria (INIA-CSIC). A continuación, analizouse a resposta específica contra a proteína do virus na que se basea o candidato vacinal. "Ao xuntar as dúas tecnoloxías vimos que a resposta é moi superior a calquera dos dous sistemas aplicados de forma individual", indica Martínez Costas. E sinala contundente: "A resposta en ratos é brutal".

Con todo, o investigador do CiQUS pon énfase en que aínda están lonxe de conseguir unha vacina contra Crimea-Congo, dado que a súa proposta aínda é moi inicial. O seguinte paso sería probar a formulación laboratorio de bioseguridade nivel 4, é dicir, o máximo nivel de bioseguridade e onde se levan a cabo experimentos con microorganismos que poden supor unha grave ameaza para a saúde pública e para os que, como Crimea-Congo, non adoita haber tratamento. Non obstante, en España aínda non hai un laboratorio dese nivel —o do CISA está catalogado como 3— e habería que recorrer ao estranxeiro.

Aínda que eses son os pasos a seguir, tamén hai que mirar todo o que se logrou avanzar ata o momento. Para o deseño deste candidato vacinal, o equipo do CiQUS empregou unha metodoloxía propia de encapsulación de proteínas. Para iso traballaron cunha nucleoproteína de Crimea-Congo. "Este proceder non adoita ser o habitual no deseño de vacinas. Normalmente empréganse proteínas expostas na superficie do virus para que xeren anticorpos, se unan aos patóxenos en circulación e bloqueen a entrada nas células. Isto é o deseño clásico", matiza o investigador. Porén, nesta proposta galega contra Crimea-Congo empregouse unha proteína que está dentro do virus.

"Crimea-Congo ten bastante variabilidade de secuencia nas proteínas externas ou glicoproteínas. Porén, a nucleoproteína coa que traballamos está moitísimo máis conservada", xustifica Martínez Costas. Segundo continúa explicando, sábese que as persoas que se recuperaron da febre hemorráxica desenvolveron unha resposta celular "bastante potente" contra a nucleoproteína coa que traballan no CiQUS. Polo tanto, o equipo galego considerou que aí podería estar a clave dunha futura vacina contra o virus de Crimea-Congo.

Esta forma de proceder non é nova para o equipo. Xa conseguiran algo semellante na vacina contra a lingua azul, unha enfermidade vírica que afecta a ruminantes tanto domésticos como salvaxes. "Fixemos unha vacina totalmente esterilizante usando como antíxeno unha proteína que nin sequera estaba na partícula vírica, senón que o virus a consegue facer nas células infectadas. É unha proteína non estrutural pero funciona moi, moi ben", lembra o líder do grupo de Viroloxía Molecular. O investigador continúa: "Produce protección cruzada porque está moi conservada. Sería un caso parecido ao que buscamos para Crimea-Congo".

Os pasos a seguir non son doados. Agora habería que comprobar como funciona a súa proposta como vacina. É dicir, administrala a un animal susceptible ao que, despois, se lle inocularía o virus. Despois veríase o nivel de protección que se acadaría no experimento. "As vacinas nunca sabes se van funcionar. Podes conseguir unha resposta inmunitaria brutal, pero se despois non xera protección non serve de nada", indica Martínez Costas. O seguinte chanzo sería probar a metodoloxía do CiQUS nun laboratorio de nivel 4. Para iso, o equipo aplicou ao programa europeo ISIDORe e, en principio, terían acceso. Agora habería que organizar o experimento.

"Crimea-Congo aínda é unha enfermidade emerxente en España pero xa está empezando a detectar en moitas carrachas e en moitos lugares da xeografía, incluída Galicia", sinala o científico. "O principal problema é que os animais son asintomáticos. É dicir, poden infectarse e transmitilo pero non enferman. Ademais, a picadura dunha carracha non é a única vía de transmisión. Se estás en contacto con fluídos de animais ou persoas contaxiadas cunha elevada carga vírica, ti tamén podes contraer a infección", apunta o virólogo molecular.

O traballo do CiQUS é un paso adiante cara ao tratamento dunha enfermidade letal e emerxente. En xullo de 2024, poucos días despois de que se coñecese a circulación do virus en Galicia, rexistrouse a sétima vítima mortal do virus transmitido por carrachas do xénero Hyalomma. O falecido era un home de avanzada idade que morreu en Madrid tras infectarse en Toledo. Foi o sexto dende 2013, cando se comezaron a notificar oficialmente os falecementos a causa da enfermidade. De momento, os expertos consideran que a circulación en Galicia é moi baixa pero a ciencia do país xa puxo en marcha todas as súas engranaxes para buscar como frear o virus.

Por Laura Filloy, GCiencia.

 

>O grupo de Viroloxía Molecular no CiQUS