O Grupo de Investigación ESCULCA

O Grupo de Investigación ESCULCA – Coñecemento e Acción Educativa, que ten a súa sede na Facultade de Ciencias da Educación, está rexistrado no Catálogo de Investigadores e Grupos de Investigación da Universidade de Santiago de Compostela co Código GI-1790.

Forman parte do Grupo Profesores/as das Facultades de Ciencias da Educación, e de Psicoloxía, da USC, docentes doutras Universidades, profesorado non universitario e outros profesionais do ámbito socioeducativo. Asemade, no Grupo traballan mozos e mozas que están a iniciar a súa carreira investigadora.

Temos, pois, unha vocación de traballo interdisciplinar como corresponde á natureza epistemolóxica e praxeolóxica dos contidos e temáticas que definen o noso labor no eido da educación en xeral e da pedagoxía en particular.

 

Accións

Aparte da dedicación docente que teñen membros do Grupo na USC e noutras Universidades, as accións que realizamos a cotio son as seguintes:

  • Apoio á realización de Teses de Doutoramento
  • Realización de Proxectos de Investigación
  • Desenvolvemento de Contratos de I+D asinados polo Grupo con Institucións e Organismos, tanto públicos como privados
  • Publicación de libros e monografías
  • Publicación de artigos científicos en Revistas de ámbito Nacional e Internacional
  • Presentación de estudos en Congresos Nacionais e Internacionais
  • Organización de Congresos, Seminarios, Simposios, e Xornadas científicas
  • Participación e realización de programas de colaboración e mobilidade con Universidades Nacionais e Internacionais
  • Consultoría e asesoramento a Grupos, Asociacións e Institucións
  • Xeración e Xestión de Redes de investigación e desenvolvemento profesional
  • Colaboración en actividades de formación do profesorado e doutros profesionais da educación e dos servizos sociais

Trátase, xa que logo, dun Grupo ben consolidado no marco universitario e educativo en xeral, como amosan os resultados acadados, xa sexa a través de publicacións, de proxectos, de premios, de tesis de doutoramento, de contratos de I+D+I, de organización e participación en eventos científicos, de estadías e intercambio con universidades doutros países, etc. Desde logo, o desenvolvemento de I+D+I é un ámbito que o Grupo ESCULCA prioriza, grazas ao apoio recibido da mesma Universidade, da Xunta de Galicia, de organismos europeos, de administración locais, do Ministerio de Ciencia e Innovación, e de Fundacións.

A dimensión teórica e reflexiva presente, como é lóxico, nun grupo de investigación pedagóxica, fortalécese a cotío coa importante vertente práctica do labor que realizamos a prol da mellora dos procesos educativos dentro e fora da escola, para o que contamos coa magnífica colaboración de docentes, pedagogas/os, educadores/as sociais e psicopedagogos/as ao longo da xeografía galega.

Liñas de investigación

  •  Aprendizaxe-servizo e desenvolvemento educativo
  • Arquitectura e espazos educativos
  • Avaliación de Programas e Servizos socioeducativos
  • Dislexia e dificultades de aprendizaxe
  • Educación e Fondos de Coñecemento
  • Educación e pedagoxía en contextos penitenciarios
  • Educación familiar
  •  Educación inclusiva
  • Educación intercultural e aprendizaxe cooperativa
  • Educación non formal e empregabilidade
  • Educación, competencias e desenvolvemento da sociedade civil
  • Éxito educativo
  • Inmigración e proxectos educativos na familia e na escola
  • Pedagoxía laboral
  • Políticas educativas e formación do profesorado
  • Procesos motivacionais en educación

Interésanos especialmente a optimización das relacións entre a Universidade e a sociedade civil. Por iso, a pertenza ao noso Grupo de Investigación está aberta a quen desexe participar das inquedanzas que nos moven, resumibles en dúas palabras: equidade e calidade na educación. Nese senso, a persoa que queira compartir connosco ideas, proxectos e accións non ten máis que cubrir o noso formulario de contacto no seguinte enlace: