- No Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia programáronse varias actividades para visibilizar e poñer en valor o papel da muller na investigación
O pasado venres 11 de febreiro foi o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia que se celebrou, tanto na Cidade da Cultura co Bio Musical Científico Christiane, como cunha serie de actividades realizadas no Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS). O principal obxectivo desta axenda era dar visibilidade ao traballo das mulleres na ciencia e que sirva de exemplo para nenas e rapazas que queiran dedicarse profesionalmente a este campo.
Grande acollida entre o alumnado galego
No Auditorio Xosé Neira Vilas da Biblioteca Arquivo de Galicia da Cidade da Cultura tiveron lugar dous pases do Bio Musical Científico Christiane. Esta actividade estaba programada conxuntamente co CiMUS e o IGFAE da USC, dentro do marco do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, e dirixida a alumnado de 3º e 4º da ESO. Trátase dunha homenaxe á figura da científica Christiane Dosne Pasqualini, que dedicou a súa vida a buscar as causas da leucemia e foi a primeira muller en ocupar un asento na Academia Nacional de Medicina.
O mesmo venres pola mañá, as investigadoras do CiQUS recibiron ao alumnado do IES Compañía de María e o IES de Valga para que puideran coñecer as instalacións. A directora adxunta, Dolores Pérez Meirás, encargouse de darlles a benvida e as investigadoras Ester Polo e María Tomás puideron contarlles a súa experiencia profesional e o traballo que realizan actualmente no Centro. Ademais, os alumnos e alumnas puideron asistir a interesantes charlas realizadas por investigadoras do Centro: “Matrix dende os ollos de Trinity” pola Rebeca G. Fandiño, “Ser científica e sobrevivir no intento” pola González Bello y “Ti non es Henrietta Swan” pola María Giménez. Xa pola tarde, a Prof. Pérez Meirás participaba na mesa redonda “Construindo un futuro en femenino: sectores emerxentes e retos pendentes”, celebrada na Facultade de Ciencias da Educación no marco da “Mulleres STEM do S.XXI”, una iniciativa que procura dar a coñecer o relevante papel das mulleres no mundo profesional, empresarial e académico vinculado coas disciplinas STEM.
Este día estaba principalmente enfocado a fomentar unha maior inclusión da muller na ciencia e a visibilizar o traballo de científicas referentes que servirá de inspiración para nenas e rapazas que queiran adentrarse no apaixonante mundo da ciencia.
![]() |
![]() |
![]() |
![]() |
![]() |
![]() |