O CiQUS súmase á G-Night con novas actividades científicas

20/09/2024

O vindeiro venres 27 de setembro, o Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) volverá ser un dos protagonistas da G-Night, un evento que se enmarca na Noite Europea dos Investigadores e que se celebra simultaneamente en toda Europa. Esta xornada, que en Galicia desenvolverase baixo o lema "Conciencias Creativas", ten como obxectivo achegar a investigación científica á cidadanía e espertar vocacións entre os máis novos.

As actividades comezarán ás 18:00 horas no Claustro do Colexio Fonseca, en Santiago de Compostela. O equipo do CiQUS preparou unha serie de actividades que prometen captar a atención de nenos e adultos por igual. Os máis pequenos poderán participar nun divertido taller para comprender que é unha reacción de polimerización mentres constrúen coas súas propias mans unha pelota saltarina de cores. A esta cita non faltarán investigadores do CiQUS avalados polo prestixioso programa europeo Marie-Sklodowska Curie (MSCA Fellows). Veremos, de maneira amena e didáctica, como construir puzzles moleculares utilizando aneis de benceno e porfirinas, para comprender algunhas das súas propiedades optoelectrónicas e como poden ser utilizados en dispositivos electrónicos, por exemplo en sensores ambientais. Aprenderemos tamén como as moléculas de ADN poden manipularse coma se fosen origamis de papel, pero formando neste caso complexas nanoestructuras con diversas funcionalidades biolóxicas.

Durante a xornada, os asistentes tamén poderán gozar dun gran abanico de actividades e propostas dos distintos centros de investigación da USC, quen estará presentes no evento cunha variada oferta de talleres, e demostracións científicas. Esta cuarta participación consecutiva na G-Night reforza o compromiso dos centros coa divulgación científica e coa creación de pontes entre a ciencia e a sociedade.