Unha ollada cara ao futuro: estudantes de toda Galicia achéganse á investigación no CiQUS

31/10/2024

Preto de 300 alumnos de 2º de Bacharelato procedentes de distintas localidades de Galicia visitaron o CiQUS durante o mes de outubro para asomarse ao fascinante mundo da investigación. Como cada ano, o CiQUS abriu as súas portas para que a mocidade se introduza nun entorno de investigación punteiro e coñeza, da man dos seus protagonistas, os segredos da mellor ciencia.

Nesta edición, o CiQUS deu a benvida a estudantes dos IES O Carril, Aquis Celenis, Punta Candieira, Cacheiras, de Beade, Ordes, Antonio Fraguas, CPR Plurilingüe SEI San Narciso e Pontepedriña. Os alumnos, que trouxeron consigo unha mestura de entusiasmo e curiosidade, puideron coñecer distintas instalacións do centro e as investigacións máis recentes no campo da química biolóxica e os materiais moleculares. O conxunto da visita ofrecía unha experiencia enriquecedora: tras unha cálida benvida, os estudantes percorreron diversas instalacións e laboratorios, onde observaron de preto o traballo dos investigadores e diversas técnicas instrumentais de vangarda.

Ademais, os grupos de investigación do centro planificaron actividades e demostracións pensadas para espertar a curiosidade e o interese científico dos novos asistentes, todo iso para que gozasen dunha experiencia práctica que axude a comprender mellor o traballo que leva a cabo nos laboratorios do CiQUS. O programa incluíu un encontro final cun investigador do centro en etapa postdoutoral, charla que permitiu coñecer as motivacións e os retos do camiño investigador, así como resolver as dúbidas e inquietudes que puidesen ter os estudantes nun momento tan decisivo para o seu futuro.

A participación activa de máis de 60 investigadores e técnicos do centro foi fundamental para o éxito destas xornadas que, un ano máis, contaron cunha gran acollida por parte dos estudantes e dos centros educativos.