CientífiQas: Ciencia feita por mulleres no CiQUS

11/02/2025

 

O Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) súmase un ano máis á celebración do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia. Nesta ocasión o centro acolleu a máis de 60 estudantes de bacharelato, procedentes do IES de Brion e do IES Fontexería de Muros, quen tivo a oportunidade de asomarse ao mundo da ciencia e coñecer de preto o traballo das investigadoras do CiQUS.

Coa declaración do 11 de febreiro como Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, a ONU busca promover o acceso e a participación plena e equitativa na ciencia para as mulleres e nenas, ademais de buscar o seu empoderamento e a igualdade de xénero en todas as etapas da carreira científica. O CiQUS contribúe á celebración desta xornada poñendo en valor o traballo das súas investigadoras e ofrececiendo aos estudantes de bacharelato referentes femininos no ámbito científico, buscando fomentar a curiosidade e o interese pola investigación entre os máis novos, especialmente entre as mulleres.

Os directores do CiQUS, José Luis Mascareñas e Dolores Pérez, deron a benvida aos estudantes nun encontro que contou coa participación da Directora Xeral de Promoción da Igualdade da Xunta de Galicia, María Quintiana, quen destacou a importancia deste tipo de eventos, que buscan visibilizar a importancia das mulleres na ciencia e que teñen como obxectivo romper as barreiras de xénero que aínda existen. Ademais, Quinitiana puxo en valor o papel que xoga a Unidade Muller e Ciencia, un órgano colexiado da Xunta de Galicia que ten como obxectivo dinamizar e transformar a ciencia e a tecnoloxía galega desde a perspectiva de xénero. Previamente, a directora adxunta do CiQUS Dolores Pérez, encargouse de presentar o centro aos estudantes e expoñer, de maneira moi clara, a problemática da muller na ciencia: “Hai datos obxectivos que demostran que as mulleres continúan atopando obstáculos para que o seu traballo sexa recoñecido e para avanzar na carreira investigadora. É imprescindible traballar para eliminar os sesgos de xénero existentes, e para apoiar ás mulleres na etapa crítica que se produce despois do doutoramento, que determina para moitas a súa continuidade ou non na carreira investigadora.”

A xornada celebrada no CiQUS puxo de relevo a diversidade de perfís femininos que traballan en ciencia. As investigadoras Concepción González, Dolores Pérez, Ester Polo e María Tomás, explicaron as súas liñas de investigación xunto aos seus respectivos equipos. Deste xeito, os estudantes tamén tiveron a oportunidade de interactuar de preto e conversar con investigadoras novas que se atopan en distintas etapas da súa carreira profesional. Cada unha delas, coa súa traxectoria e área de especialización, ofreceu unha perspectiva única sobre a carreira científica.

O CiQUS, fiel ao seu compromiso coa igualdade de xénero e a promoción das vocacións científicas, busca inspirar ás novas xeracións e fomentar a curiosidade pola investigación. Con iniciativas como esta, o centro contribúe a romper barreiras e a crear referentes femininos que animen ás mozas para seguir carreiras STEM.

 

 

 

 

 

In the media