O CiQUS participa na G-Night con actividades para todos os públicos

22/09/2025

O vindeiro venres 26 de setembro, Galicia celebrará a súa quinta edición da G-Night, a Noite Galega das Persoas Investigadoras, un evento de divulgación científica que se desenvolve simultaneamente en centos de cidades de toda Europa baixo o paraugas da European Researchers’ Night. Esta iniciativa, que ten lugar cada último venres de setembro, busca achegar a ciencia á sociedade de maneira accesible e participativa. Ao longo da tarde e da noite, as sete principais cidades galegas –A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago e Vigo– converteranse en escenarios para a ciencia, con obradoiros, experimentos, charlas, exposicións e feiras abertas a todos os públicos.

Coordinada pola Universidade de Vigo, a G-Night conta coa participación das universidades de Santiago de Compostela e A Coruña, varios institutos do CSIC (IEGPS, IEO, MBG, IIM e Incipit) e outros centros de investigación galegos como o IDIS e o CITMAga (dos que tamén forma parte a USC), o INIBIC, o CESGA ou Ecobas, entre outros.

O CiQUS participará na xornada compostelá, que terá lugar no Claustro do Colexio de Fonseca a partir das 18:00 horas, cunha actividade pensada para todos os públicos: “Ciencia molecular en acción: do xogo á innovación”. Os máis pequenos poderán mergullarse na química dos polímeros mentres elaboran a súa propia pelota saltarina. Pola súa parte, o público adulto terá ocasión de coñecer proxectos de vangarda desenvolvidos no CiQUS, desde o aproveitamento do metano como materia prima para a síntese de fármacos e compostos de valor engadido, ata a creación de novos materiais máis sostibles para o almacenamento de enerxía.

A esta cita sumaranse tamén investigadores do CiQUS avalados polo programa europeo Marie Skłodowska-Curie (MSCA Fellows), xunto con outros membros do centro que participan de maneira voluntaria, amosando así a súa vontade divulgativa e compromiso coa transferencia de coñecemento á sociedade. O CiQUS conta co recoñecemento CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e impacto da súa investigación, e recibe apoio financeiro da Unión Europea a través do Programa Galicia FEDER 2021-2027. A participación na G-Night 2025 reforza o compromiso coa divulgación científica e co obxectivo de tender pontes entre a investigación e a sociedade.