Cun total de seis proxectos obtidos (e un sétimo actualmente na lista de reserva), o Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) cultivou un éxito sen precedentes na última convocatoria Marie Sklodowska Curie Postdoctoral Fellowships 2023 (MSCA PF). Os bos resultados constatan o potencial do CiQUS para atraer talento postdoutoral de primeiro nivel na esfera internacional. Ademais, o éxito do centro contribuíu en boa medida a que a Universidade de Santiago de Compostela lidere as universidades españolas en número de proxectos financiados (9), xunto á de Granada.
As axudas, que en total supoñen un financiamento de máis de 1 millón de euros, terán unha duración de 2 anos e veñen reforzar distintas liñas de traballo prioritarias para o CiQUS. Na área de materiais funcionais, os proxectos de Iago Pozo e de Ana Rita Monteiro se centran na síntese de nanoestructuras de grafeno funcionais con novas aplicacións; pola súa banda, Marilyn DMello e Satendra Kumar dirixirán os seus esforzos ao desenvolvemento de novos eléctrodos que permitan lograr baterías máis eficientes. Na área da química biolóxica, os proxectos de Andrés Cruz e de Reza Taheri buscan aproveitar o potencial que brinda a nanotecnoloxía de ADN para desenvolver novas ferramentas de diagnóstico e estratexias terapéuticas para combater tumores canceríxenos..
As axudas MSCA PF atópanse entre as máis prestixiosas e competitivas de Europa. O programa busca apoiar a formación e o desenvolvemento profesional do persoal investigador postdoutoral a través da adquisición de novos coñecementos e habilidades, a mobilidade internacional, interdisciplinar e intersectorial. O CiQUS leva varios anos apostando por este programa para a atracción de talento emerxente, tanto nacional como estranxeiro, ocupando un destacado primeiro posto en Galicia en canto ao número de investigadores incorporados. Dez dos catorce proxectos captados polo centro no últimos tres anos están liderados por investigadores procedentes doutros países, como India, Irán, Colombia, Guatemala ou Portugal.
De esquerda a dereita: Dr. Reza Taheri, Dr. Satendra Kumar, Dr. Marilyn Esclance DMello.
De esquerda a dereita: Dr. Andrés Cruz, Dr. Ana Rita Monteiro, Dr. Iago Pozo.
CiQUS MSCA Postdoctoral Fellowships 2023:
-
Dr. Iago Pozo: Magnetic nanographenes: Synthesis and characterisation of structurally defined nanographene fragments containing paramagnetic metal ions (MAGNEPHENE).
-
Dr. Ana Rita Monteiro: Development of bottom-up custom-functionalized graphene/porphyrin nanoarchitectures with atomic precision (GRAPHYRIN).
-
Dr. Marilyn DMello: Chemical Design of Redox-Bipolar Covalent Organic Frameworks as High Energy Density Cathodes for Li-ion Batteries (BipoCOFs).
-
Dr. Satendra Kumar: Electrochemical Synthesis of Polycyclic Aromatic Hydrocarbon-Based Films for Advanced Sodium-Ion Battery Anodes (PAHsSIB).
-
Dr. Andrés Cruz: Origami-DNA/AgNCs Sensor for Detection of miRNAs (ODASMIR).
-
Dr. Reza Taheri: Anticancer Chaotropic PVA Micelles with DNA-motif-mediated Targeting (ChaoPV).