A semana pasada publicábase a resolución definitiva da última convocatoria de Consolidación Investigadora onde o CiQUS acaba de obter financiamento para tres proxectos, todos eles liderados por mulleres. O éxito cultivado neste programa supón un novo recoñecemento á calidade do persoal investigador do centro e á ciencia que nel leva a cabo. O resultado reflicte a traxectoria ascendente das tres últimas Investigadoras Principais que se incorporaron ao centro (María Giménez, Rebeca García Fandiño e Beatriz Pelaz) e referenda, unha vez máis, o acerto nas políticas de atracción de talento que o CiQUS foi implementando nos últimos anos e, neste caso particular, na súa aposta polo talento feminino. Ademais da traxectoria científica das investigadoras, valorouse a calidade, viabilidade e impacto das propostas presentadas a unha convocatoria moi competida, na que a porcentaxe de éxito foi inferior ao 40%. No caso do CiQUS, as proxectos seleccionados supoñen case 800.000 € para o desenvolvemento de liñas de traballo altamente competitivas.
O traballo de María Giménez céntrase no ámbito da xestión enerxética sostible. Utilizando estratexias de hibridación con nanomateriales de carbono, o seu equipo buscará desenvolver materiais innovadores que presentan transición de spin para aplicar en futuras baterías. Pola súa banda, Beatriz Pelaz e o seu grupo BioNanoTools estudarán o comportamento biolóxico de diversos nanomateriais e, en especial, a súa capacidade de activar respostas inmunes. Todo iso co obxectivo de contribuír ao desenvolvemento de terapias personalizadas de vangarda. As análises levarán a cabo en modelos 3D bioimpresos (sans e de enfermidades), o que permitirá correlacionar as propiedades fisicoquímicas dos distintos nanomateriais e avaliar o seu comportamento. A proposta de Rebeca García Fandiño enmárcase dentro da área da Intelixencia Artificial (IA), unha das temáticas estratéxicas (xunto a microelectrónica e semiconductores) ás que se destina un orzamento adicional nesta convocatoria. O seu proxecto AQilles buscará descifrar as vulnerabilidades da membrana celular de fronte para mellorar o tratamento e a prevención do cancro. Con axuda da IA buscarán revelar patróns ocultos que permitan identificar características comúns e potenciais debilidades nos perfís das membranas celulares implicadas no cancro, o envellecemento e a infección.
Apoio ao desenvolvemento profesional das mulleres no CiQUS
Co obxectivo de apoiar a carreira científica das súas investigadoras, o CiQUS foi planificando e implementando distintas iniciativas ao longo do tempo. "Levamos anos traballando a través de diferentes aproximacións: desde o fomento das vocacións científicas en nenas e mozas a través dos nosos programas de divulgación, ata as actividades internas de formación, as medidas de conciliación ou a aposta polo talento feminino" explica a directora adxunta do centro, Dolores Pérez, quen destaca tamén a recente creación dun comité en materia de xénero e diversidade cuxa labor será moi relevante neste ámbito. Por outra banda, "no Plan Estratéxico que acabamos de aprobar para o período 2023-2027 propóñense medidas máis ambiciosas, como un programa específico de incentivos á atracción de mulleres para liderar novas liñas de investigación no CiQUS" sinala Pérez.
A metade do persoal que iniciou a súa investigación independente (junior scientist) e o 75% do persoal Investigador Principal que se incorporou ao CiQUS nos últimos anos son mulleres, datos relevantes teniendo en cuenta que é precisamente nestas categorías superiores onde normalmente as mulleres atopan máis dificultades para progresar na carreira científica. Actualmente no centro hai tres investigadoras Ramón e Cajal que desenvolven liñas de traballo propias, e están en camiño de consolidar unha carreira investigadora independente. "Tamén hai un bo número de investigadoras postdoutorais e predoctorais con excelentes traxectorias, e estamos moi orgullosos das nosas egresadas" comenta a directora adxunta do centro. De feito, entre as persoas que formándose no CiQUS continúan na carreira científica e académica, algunhas das traxectorias máis brillantes corresponden a mulleres.
As investigadoras do CiQUS María Giménez, Beatriz Pelaz e Rebeca García Fandiño.