O CiQUS celebra a primeira reunión do seu Comité Asesor Industrial

12/04/2024

O Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) recibía a semana pasada a visita do seu Comité Asesor Industrial (Industrial Advisory Board, IAB). Na súa estrea, os membros do IAB mantiveron distintas reunións coa directiva do CiQUS e o seu equipo de transferencia, visitaron as instalacións e coñeceron ao persoal investigador e técnico do centro. O encontro serviu como toma de contacto e permitiu ao panel de expertos coñecer os distintos desenvolvementos tecnolóxicos levados no CiQUS, así como intercambiar experiencias sobre as mellores prácticas en colaboración público-privadas..

Sete profesionais de recoñecido prestixio en innovación e transferencia conforman o Comité Asesor Industrial do CiQUS: Paul Burke (Burke Bioventures LLC), Santiago Domínguez (Bruker & Mestrelab Research), Jesús Castañon (Eli Lilly & co.), Carme Pampín (GalChimia), Ben Janeiro (ABCR Labs), Manuel Lolo (AMSlab) e Susana Torrente (AVTE USC). A partir de agora, a súa experiencia e ampla visión dentro de sectores que son de interese para o CiQUS serán clave para desenvolver a estratexia de transferencia do centro e impulsar a cooperación co tecido produtivo.

Nos últimos anos, o CiQUS foi intensificando os esforzos para levar o coñecemento xerado no centro ao sector produtivo e á sociedade. E fíxoo implementando un modelo baseado na valorización de resultados que fortaleceu tanto o emprendemento como a relación con empresas e centros. Deste xeito, distintas tecnoloxías do CiQUS obtiveron o apoio dos principais programas europeos, estatais e rexionais dirixidos a financiar a súa maduración e avanzar no desenvolvemento cara ao mercado. Hai tan só un ano, o proxecto TraffikGene conseguía unha axuda EIC-Transition para madurar a súa tecnoloxía, a única deste tipo que se concedeu en Galicia. Pero aínda hai máis: 4 proxectos ERC Proof of Concept, 2 proxectos CaixaResearch, o éxito nos proxectos orientados á transición ecolóxica, ou 3 proxectos IGNICIA da Xunta de Galicia, un dos cales xa deu lugar á creación da empresa Celtarys. Estes son tan só algúns exemplos do crecente interese que están a espertar as tecnoloxías innovadoras xurdidas no CiQUS


De izq. a dcha: Dolores Pérez (CiQUS), Fernando Casal (CiQUS), Jesús Castañon (Eli Lilly & co.), Carme Pampín (GalChimia), Susana Torrente (AVTE USC), Paul Burke (Burke Bioventures LLC), Ben Janeiro (ABCR Labs), José Luis Mascareñas (CiQUS) y Almudena García (CiQUS).